Grande Amore e Antía Muíño abren os concertos do Festival Osa do Mar de Burela. A área de Mocidade da Deputación de Lugo colabora coa Asociación Fanto Fantini na organización deste festival, que programa para este domingo, 16 de maio, os primeiros concertos dunha edición adaptada á situación sanitaria.
Tras a paréntese obrigada do ano pasado, a Asociación Cultural Fanto Fantini aposta por un formato novidoso, coas actuacións distrubuídas en dúas fins de semana: este domingo e os vindeiros 24 e 25 de setembro. O evento transládase a Casa da Cultura de Burela para facilitar o control das medidas de prevención fronte á Covid-19.
A deputada de Mocidade, Mónica Freire, e Miguel Cabo, membro da organización do evento, presentaron esta tarde en Burela o programa deste domingo, con concertos da cantautora Antía Muíño (20:00 horas), unha das voces máis singulares do panorama musical en galego con ecos entre o jazz e bossa nova, e Grande Amore (21.00 horas), proxecto musical en solitario de Nuno Pico, tras pasar por grupos como Skholma ou Oh Ayatollah.
SITUACIÓN DO GALEGO NA MÚSICA
A xornada, que coincide coa véspera das Letras Galegas ábrese cun coloquio sobre a situación do galego na música (19:00 horas) na que, ademais de Nuno Pico e Antía Muíño, intervirán Manolo Maseda, ex Diplomáticos de Monte Alto, e Emilio López, ex Escornabois.
“Despois dun longo debate concluímos que tiñamos que darlle continuidade ao festival, intentando facer unha edición adaptada á situación. Sabemos que seguramente non
será o ano máis espectacular pero polo menos será unha nova edición que aportará o seu grao de área para ir pouco a pouco recuperando moitos dos bos costumes”, sinalan desde a organización do festival.
Mónica Freire trasladou os parabéns á Asociación Fanto Fantini “por sacar adiante esta nova edición, cun formato axustado ás circunstancias sanitarias que mantén a aposta pola música alternativa”. “Desde 2014, que organizaron a primeira edición, veñen demostrando que a mocidade da Mariña está en movemento e que ten enerxía para crear eventos culturais diferentes e proxectar unha imaxe dinámica da comarca”, expuxo a deputada nacionalista.
As entradas para o festival están a venda na plataforma entradium.com a 10 euros.