Concentración na Mariña en apoio de Palestina: “Paremos o xenocidio”

Preto de medio cento de persoas amosa a súa solidariedade co pobo palestino.

Concentración en favor de Palestina / remitida

Un grupo de persoas concentrouse este martes en favor de Palestina logo da operación iniciada polo Exército israelí na franxa de Gaza que ten provocado xa case 200 mortos.

Baixo o lema “Galiza coa Palestina, paremos o xenocido”, preto de medio cento de persoas con bandeiras galegas e palestinas corearon berros en contra de Israel e pola fin da “nova agresión armada”.

Este é o manifesto lido durante a protesta:

Compañeiras, compañeiros:
Reunímonos aquí despois de varios días de brutal agresión sionista contra a Palestina. Unha
agresión que é permanente e que sobe ou baixa de intensidade en función dos intereses
internos do estado de Israel. Os bombardeamentos sobre Gaza, as matanzas en  isxordania, a violencia sistemática e diaria contra a poboación dos Territorios Ocupados non son unha novidade. Mais nesta semana, mentres lembramos os 73 anos da Nakba, esa política criminal está a atinxir novos níveis de barbarie. E dicimos isto conscientes de que a vida en cada rúa e cada morada da Palestina é xa insufríbel todos os días, sen excepción.
É insufríbel por causa dunha ocupación sionista que, cando non mata abertamente, aplica o
modelo do apartheid expulsando millares das súas casas, dos seus traballos e das súas
terras, impondo embargos e bloqueos ilegais, impedindo calquera desenvolvemento normal
da vida das e dos palestinianos e estrangulando mais e mais o grande campo de concentración que é Gaza sempre que convén por motivos políticos internos.

Desde comezos de Maio, mobilizacións masivas en Xerusalén e outras cidades contra os
novos despexos forzados que practican as forzas represivas israelitas en barrios como Sheikh Jarrah, em Xerusalén Leste, levaron a unha nova resposta desproporcionada e brutal por parte de Israel. Alén da violencia física, desta volta as accións represivas son tamén simbólicas, dirixíndose contra a mesquita de al-Aqsa — un dos lugares mais sagrados para o islam. O Estado de Israel, liderado por partidos que prometen limpeza étnica nos seus programas, procura así escalar un conflito que necesita sexa como sexa, para se xustificar a si mesmo.

Esta situación, que debe escandalizarnos e facernos reaccionar, énos presentada de maneira sistemática polas grandes empresas de comunicación como un “choque” entre dous países veciños, entre xudeus e musulmanos, entre árabes e israelitas. Porén, os bombardeamentos, asaltos e crimes sionistas non son “choques violentos”, nin un “conflito”, nin unha “cuestión relixiosa”. Son o resultado do avanzo permanente da ocupación, que necesita estenderse cada vez a máis territorio, vaciándoo de poboación nativa para o ocupar con novos grupos de colonos vindos de fóra que acreditan que a súa relixión lles dá dereito a se instalar nunha terra xa habitada por outras persoas e a expulsalas.

Desde a criazón do Estado de Israel, esa política de expulsión e substitución ten sido
permanente e inexorábel. A listaxe de vilas e cidades vaciadas pola forza e anexadas ao
proxecto expansionista de Israel é xa interminábel. E a de persoas convertidas en refuxiadas atinxe xa, nos cálculos máis conservadores, os 6 millóns.

Fronte a isto e fronte ao masacre, Palestina ten dereito a se defender. Non o dicimos nós. Dío o dereito internacional, que recoñece o dereito dos pobos á autodefensa.

O estado de Israel preséntase ao mundo como un país atacado. Sen embargo, non só é
evidente a dramática diferenza de forzas entre as defensas populares palestinianas e un dos maiores exércitos do mundo. Tamén cómpre lembrar que, coa mesma política de violencia e odio, Israel ataca de maneira permanente o Líbano, Irán e Siria e mesmo ataca activistas antiapartheid que se mobilizan en axuda do pobo palestino, encarecerando esas persoas e acusándoas de terrorismo. A impunidade con que fai isto é a impunidade que lle outorgan as grandes potencias imperialistas, que son, pola súa vez, as verdadeiras fabricadoras dese estado artificial — punta de lanza dos seus intereses xeopolíticos no mundo árabe e o Oriente Medio.

Nós, a millares de quilómetros, non podemos ficar impasíbeis. Porque é de xustiza apoiar a
causa da Palestina e porque temos ferramentas para actuar. Primeiro: coa mobilización social; coa axitación e a condena pública do rexime sionista de Israel e apoiando o dereito de autodeterminación da Palestina. Mais tamén desmascarando os estados que apoian ou que evitan condenar as agresións sionistas empregando fórmulas de equidistancia cada vez máis ridículas e indignantes. A comezar polo estado español. E a seguir pola Unión Europea, que segue o ditado dos Estados Unidos deixando facer, mentres criminaliza a resistencia palestina.

Segundo: participando activamente da campaña de Boicote, Desinvestimentos e Sancións
contra Israel. Deixando de comprar produtos fabricados en Israel, esixindo a institucións e
empresas que cesen os contratos e colaboracións con entidades israelitas, e premendo a
comunidade internacional para que deixe dunha vez de expresar “consternación” e impoña
sancións colectivas contra Israel. Paremos o apartheid e o xenocidio!

Palestina Vencerá!

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here