Coa celebración das Letras Galegas de Xela Arias aínda pendurando no retrovisor, ábrese xa a incógnita de cal será a figura recoñecida na vindeira edición do ano 2020. No concello mariñán de Lourenzá téñeno claro. Os tres grupos políticos que conforman a corporación municipal (PSOE, PP e BNG) veñen de anunciar que presentarán no pleno do vindeiro luns 31 unha moción conxunta para solicitarlle á RAG que lle outorgue o recoñecemento a Francisco Fernández del Riego.
O consistorio de Lourenzá busca apoio no resto de concellos da Mariña, na Deputación Provincial, o Concello de Vigo –onde faleceu del Riego– e á Fundación Penzol para que apoien a iniciativa. Ao longo dos seus case 100 anos de Vida, Fernández del Riego desenvolveu un inxente labor de investigación e divulgación a prol da cultura galega, traballo que cristalizou en puntos chave da historia de Galicia, tales como a fundación da editorial Galaxia en 1950 e a fundación da revista Grial, que mesmo chegou a dirixir nos seus primeiros cen números. Á parte de ser dono dunha extensa obra –tanto en ensaio como narrativa– foi presidente da Academia, que este ano terá que decidir se o letras galegas 2022 é para o erudito de Lourenzá.