A mindoniense Elena Candia volverá ser, agás sorpresa, presidenta do PP de Lugo

Elena Candia. AXM

A mindoniense Elena Candia volverá ser, agás sorpresa, presidente do PP da Provincia de Lugo. Así o vén de comunicar a formación popular logo dunha reunión na que os populares da Deputación apoiaron “masivamente” o aval da política natural de Mondoñedo, cabeza de lista por Lugo no Parlamento de Galicia e número un do partido da provincia dende 2016.

Javier Castiñeira, voceiro provincial, foi o encargado de facer público o apoio da formación a Candia. “Démoslle o noso apoio a quen liderou este Grupo durante anos, que chegou a ser presidenta da Deputación, que coñece as necesidades dos lucenses e que ten un proxecto para a provincia”, apuntou antes de subliñar que a candidata se ve “fortalecida”: “Da man de Elena Candia estamos tamén preparados para a Deputación, que tamén merece un goberno do Partido Popular”, manifestou.

O PP revalida así a aposta por Candia para recuperar os concellos perdidos nas últimas municipais. Neste aspecto, auguran que será “unha etapa moi frutífera para a provincia”; de aí que a mindoniense recibira o apoio de alcaldes como o de Friol, José Ángel Santos; Outeiro de Rei, José Pardo Lombao; Folgoso do Courel, Lola Castro; As Nogais,  Jesús Núñez; Castro de Rei, Francisco Balado; Palas de Rei, Pablo Taboada; e O Vicedo, Jesús Novo. Á parte está o apoio do propio voceiro do PP na Deputación, Javier Castiñeira.

Dende a formación engaden que “tanto Candia como os candidatos que decidan dar un paso adiante, se así fose o caso, teñen de prazo para presentar os  seus avais ata o 4 de agosto”. “Ao día seguinte, 5 de agosto, será a proclamación das candidaturas presentadas, tal e como rexe o regulamento do 18 Congreso Provincial do PP de Lugo, fixado para o 19 de setembro”, engaden.

ESTAMPADO DE LEOPARDO

Candia saltou aos titulares de distintos xornais estatais logo de ter acudido a unha sesión da Deputación de Lugo ataviada cun estampado de leopardo, o que lle valeu comentarios críticos da man do presidente provincial, José Tomé. O PP respondeu á intervención de Tomé engadindo outro estampado de leopardo ao seu logotipo, feito que coincidiu con varias deputadas do PP acudindo aos plenos con vestimentas similares.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here