Na segunda quincena de agosto, o Hospital da Mariña quedou sen especialistas en uroloxía, o que supón a paralización e suspensión das consultas, revisións e operacións cirúrxicas. Ademais, as urxencias desta especialidade son trasladadas ao HULA. Ante isto, a CIG Saúde A Mariña denuncia a situación e pide unha atención sanitaria de calidade.
Dende o sindicato tamén esixen á Directora do distrito Sanitario da Mariña, María José Cortés Canay, que “exerza as súas competencias e que empregue os recursos necesarios para garantir unha atención urolóxica de proximidade, e de non ser capaz de defender a atención sanitaria da veciñanza da Mariña, que presente a súa dimisión”
“Poden indicar como se atende unha urxencia urolóxica vía telefónica e a máis de 100 quilómetros de distancia? Pois trasladando aos pacientes ao HULA como están a facer”, critican dende o sindicato. Ademais, recordan, como no 2017 o populista José Manuel Balseiro explicaba que a reforma da Lei de Saúde permitiría ampliar a oferta de recursos e o anterior Conselleiro de Sanidade afirmaba que axudaría a desenvolver máis actividades nos hospitais comarcais, evitando os desprazamentos dos cidadáns.
“Unha mentira máis”, afirman dende a CIG, pois consideran que denuncian que o “agochamento” de Feijoo ante esta situación, e a quen piden que “relate cales son os máis e mellores servizos que ían implantar e cales son os numerosos profesionais que ían vir para Burela”.
Ante esta situación, dende o sindicato animan aos usuarios e usuarias a presentar reclamacións oficiais a través do servizo de Atencón ao Paciente e esperan que a situación mellore. “Non permitiremos ningún recorte máis nos servizos públicos e no benestar social da poboación por parte do Partido Popular”, conclúen.