Trescentas persoas de oito concellos participan nas primeiras Olimpíadas da Mariña Central

Equipos de Alfoz, Valadouro, Burela, Cervo, Barreiros, Lourenzá, Mondoñedo e Foz sumáronse á iniciativa coa que se reivindica a unión da bisbarra

Equipo gañador das últimas Olimpíadas de Alfoz, que inspiraron o proxecto comarcal. AXM

Unhas trescentas persoas de oito concellos participarán nas Olimpíadas da Mariña Central, que comezan este sábado. As probas culturais inauguran o calendario desta xuntanza que continuará nas vindeiras semanas con probas artísticas, deportivas e xogos populares.

A elección do pavillón de Alfoz como primeira sede non é casual. A iniciativa eleva ao ámbito comarcal as Olimpíadas Interparroquiais que se comezaron a organizar nese municipio en 2014 da man do daquela concelleiro de Cultura, Pepe Peinó.

UNIDADE DA COMARCA

A intención é “xuntarse, divertirse, competir e crear Mariña. Fálase moito de que somos unha comarca pero, ás veces, cada un vai polo seu lado”, comenta o mestre, que conseguiu involucrar neste novo proxecto organizacións culturais dos diferentes concellos. Os colectivos encargáronse de confeccionar os oito equipos olímpicos.

Alfoz, O Valadouro, Lourenzá, Mondoñedo, Cervo, Burela, Foz e Barreiros estarán representados nestes olimpiadas populares que se poñen en marcha co propósito de seguir sumando edicións e concellos.

“Hai xente que non sabe en que equipo anotarse. Eu mesmo: nacín en Foz, traballo no Valadouro, parte da miña familia é de Mondoñedo”, relata Peinó quen destaca tamén o carácter “interxeneracional” dos equipos, con persoas de todas as idades.

A xuventude é un valor para a proba deportiva -unha competición de fútbol sala- pero a experiencia, o coñecemento acumulado e o talento artístico son imprescindibles para o resto das probas, e todas teñen o mesmo peso de cara á puntuación final.

PROBA CULTURAL

Os oito equipos terán que someterse ás probas culturais: Un, dous, tres , Trivial e Stop.

Un xurado formado polo ex conselleiro e inspector educativo, Celso Currás, o decano da Facultade de Formación do Profesorado, Francisco Rodríguez Lestegás, a delegada de Cultura da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, e o xornalista Pablo Villapol valorará a idoneidade das respostas.

A posta en escena respetará o protocolo dos Xogos Olímpicos coa audición dun himno creado para a ocasión polo compositor Jorge Olivera e cun desfile inaugural dos participantes.

Pepe Peinó e a xornalista Beatriz Yáñez serán os mestres de ceremonia desta primeira xornada, que comezará ás 17.00 horas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here