Os traballadores de Alcoa pídenlle a Feijóo a intervención pública da factoría

Concentraranse en Lugo o vindeiro domingo. Advirten de que os potenciais compradores "tiveron moita paciencia" e "non se sabe que vai ser deles se o Goberno segue dilatando esta situación.

O comité de Alcoa, nunha concentración ante a Subdelegación do Goberno central. AXM

O comité de empresa de Alcoa Cervo enviará un documento dirixido ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para instarlle a que esixa do Goberno central a intervención pública temporal da fábrica para que posteriormente sexa transferida a un terceiro.

Coa vista posta en que se produza este movemento, que foi aprobado tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento de Galicia, os traballadores da planta concentraranse o vindeiro domingo 10 en Lugo.

O presidente do comité, José Antonio Zan, esperou que a Xunta “se poña ao lado dos traballadores e esixa esa intervención que todos os partidos votaron e que aínda está sen levar a cabo por parte do Ministerio de Industria”. “É fundamental para salvar a situación e conseguir que a venda prospere“, urxiu, antes de criticar que a ministra “a día de hoxe aínda non cumpriu co mandato do Congreso e do Parlamento”. Por iso, o comité cre “que debe ser o presidente da Xunta quen debe deixarse de ambigüidades e pedir esa intervención canto antes”.

A mobilización do domingo 10 producirase ante a Subdelegación do Goberno en Lugo, onde o comité anuncia “unha gran sorpresa para os asistentes”. A 20 días de que se reúna o Tribunal Supremo para valorar a anulación do ERE na factoría, os representantes dos traballadores auguran que os maxistrados validarán os 10 puntos polos que a xustiza galega tombou ese despedimento colectivo, e remarcan que “está ben xa de deixar en mans dos xuíces o que teñen que facer os políticos”.

Neste sentido, advirten de que os potenciais compradores “tiveron moita paciencia” e “non se sabe que vai ser deles se o Goberno segue dilatando esta situación e se Alcoa se segue agarrando a esta retirada da SEPI (a sociedade estatal de participacións industriais)” da operación.

No que vai desde o regreso á folga indefinida, calculan que deixaron de saír unhas 2.000 toneladas de aluminio, pero remarcan que están así “non” porque lles “guste”, senón porque non lles quedou “outro remedio”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here