A campaña extractiva de centola arrinca este domingo na provincia de Lugo

A cota máxima de captura tanto do boi como da centola é de 35 quilos por barco e día, á que se engaden 35 quilos ao día por cada tripulante enrolado e a bordo.

A campaña da centola comeza coa data de peche por concretar. AXM

A campaña extractiva de centola arrinca este domingo na provincia de Lugo, o que abarca a área entre Estaca de Bares e o río Eo, incluída a ría do Barqueiro. Deste xeito, a frota dedicada á pesca desta especie xa poderá levar as súas capturas ás lonxas o luns. A campaña deste crustáceo na provincia prolongarase ata o inicio da veda do ano 2022, que se fixará a través do correspondente plan de xestión por parte da Consellería do Mar.

Na provincia da Coruña –desde Cabo Corrubedo ata Estaca de Bares– e Pontevedra –de Cabo Corrubedo á Guarda– a extracción comezou o pasado 7 de novembro e durará tamén ata a data que fixe o plan de xestión do próximo exercicio. O mesmo 7 de novembro tamén comezou a campaña do boi en todo o litoral de Galicia, incluída a costa lucense.

A cota máxima de captura tanto do boi como da centola é de 35 quilos por barco e día, á que se engaden 35 quilos ao día por cada tripulante enrolado e a bordo. A Consellería do Mar lembra que poden participar na campaña todas as embarcacións de artes menores e con porto base en Galicia, así como aquelas que, tendo porto base noutras comunidades autónomas, teñan permisos especiais de pesca para faenar nestas augas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here