Os xulgados de Viveiro e Mondoñedo, “paralizados” dous días por unha incidencia técnica

Denuncian que levan dúas xornadas sen poder traballar e acusan a Xunta de ser "incapaz de resolver" o problema.

Xulgados de Viveiro. GOOGLE MAPS

Fontes do Xulgado de Viveiro e de Mondoñedo denuncian que levan dous días sen poder traballar debido a que a súa principal ferramenta informática, o programa Minerva, “non funciona”.

Dende os xulgados trasladan ao Xornal da Mariña que se descoñece a causa deste erro informático que detén por completo a actividade e apuntan á Xunta por ser “incapaz de solucionalo”: “Parécenos incrible que nos tempos de hoxe se paralice toda a Administración de xustiza galega por este motivo que a Xunta é incapaz de solucionar”. 

Aseguran, ademais, que a situación dos xulgados viveirenses é “cada vez máis penosa” en canto á carga de traballo, sen un “compromiso firme” por parte das Administracións autonómica e estatal para dar unha solución a curto prazo. A iso engádense agora as múltiples “deficiencias” nas aplicacións telemáticas que, aseguran, padecen a diario: “Dende o programa Minerva ao Punto Neutro, pasando polo Rexistro Electrónico de Apoderamentos, a conta bancaria ou o sistema Lexnet… É rara a semana que non hai problemas con algunha das aplicacións informáticas que se utilizan acotío na oficina xudicial”, critican.

Dende AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) confirman que durante a xornada deste luns e martes tivo lugar unha “incidencia técnica que provocou interrupcións no acceso ao sistema Minerva e ao proceso de sinatura a través del”. Indican que “afectou parcialmente” e que o servizo xa funciona con normalidade no “70% dos partidos xudiciais, incluídos os de Mondoñedo e Vivieiro”.

A pesar da incidencia en Minerva, durante a xornada do luns púidose desenvolver “parte da actividade” dos xulgados, xa que se asinaron un total de 14.700 documentos, resolve AMTEGA.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here