Un home perdeu a vida este sábado tras ser rescatado da auga despois de sufrir un mareo na praia da Rapadoira, no concello de Foz.
Segundo explicou o 112 Galicia, foron os propios socorristas do areal os que deron aviso á central de emerxencias sobre as 18,30 horas. Nesa comunicación pedían axuda para un home que se mareou mentres se bañaba e tragara moita auga.
Con todo, a pesar de que foi posible sacalo do mar, os labores de reanimación finalizaron sen que se lograse salvarlle a vida.
Ata o lugar, mobilizados polo 112 Galicia, desprazáronse os profesionais sanitarios, que só puideron confirmar o falecemento. Ademais, tamén acudiron axentes da Garda Civil e da Policía Local.