Arantxa Incera. Tenente de Alcalde do Concello de Alfoz.
É preferible pensar que as súas declaracións nas redes sociais se deben á falta de información, do contrario sería máis grave, posto que estaría vostede faltando á verdade a propósito e, por moito que haxa eleccións o vindeiro 28 de maio, non é escusa para utilizar unha desgraza como o incendio da semana pasada co fin de sacarlle rédito político.
Di vostede que o alcalde non ten que estar cando hai un incendio, que a súa labor é ter planificado cómo actuar nun caso destes…
1º.- Jorge Val, estivo onde debía, coma sempre, ao lado dos veciños e colaborando cos medios de extinción. Como vostede di “coma un veciño máis”, si, pero coa responsabilidade que lle da ser o alcalde de Alfoz e como leva estando toda a vida, tamén na oposición durante 28 anos, non coma vostede que hai 4 anos era o nº2 da candidatura do Sr. Peinó e non colleron ningún dos dous as súas actas, vese que se non entran no goberno non lles valen os votos que agora volve a pedirlle aos veciños. ¿Que vai facer desta volta se os votos non lle dan para ser alcalde, só ou acompañado?, ¿vaise volver a ir sen coller a acta?.
Jorge Val estivo, como bo coñecedor do terreo, informando ao persoal de contraincendios e axudando en todo o que puido día e noite. E vostede, que estivo alí, sábeo ben e postos a explicar, conte que o seu tractor impedía o paso aos servizos de extinción e tiveron que pedirlle que lle lo sacara do medio para poder traballar,…aínda así hai que agradecerlle que estivese durante os momentos difíciles, non coma o seu compañeiro Castiñeira que veu o segundo día facerse unha foto ás 12 da mañá para poñer nas súas redes sociais.
2º.-A quen lle corresponde planificar como actuar é á Xunta de Galicia e remítoo á páxina da Consellería de Medio Rural para que se informe do PLADIGA (Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia).
3º.- A motobomba de Alfoz estivo traballando na extinción do incendio, non debe estar tan mal como di vostede, pregúntelle aos donos das casas que se viron en perigo se funciona ou non. Se tan preocupado está pídalle á Xunta unha nova e, de paso, condutores porque na Mariña hai 5 motobombas e 1 só condutor. Aproveite as viaxes que fai ultimamente a Santiago ás Consellerías da Xunta para facer algo positivo polo pobo, non só para sacar fotos e falar de bloqueo coma no Plan Básico Municipal, que bloqueado estivo durante os 40 anos de goberno do PP e agora que os socialistas o impulsaron ven vostede a “subirse ao carro” do noso traballo.
4º.-As pistas forestais, están en boas condicións, como se demostrou no acceso de todos os servizos de extinción. Mire a LEI 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia que no Art. 98 define perfectamente as pistas e as competencias da Administración e dos propietarios particulares. Mellorar sempre se pode, pero non confundamos á xente facendo pensar que non se realizan traballos de mantemento e limpeza nelas, porque non é certo. As pistas do Concello límpanse e mantéñense.
5º.- O Concello de Alfoz sacou nas redes sociais un único “comunicado” dando as grazas aos veciños e veciñas, aos Concellos de Foz, O Valadouro e Mondoñedo, á dotación de bombeiros da Deputación Provincial e aos servizos de extinción de incendios da Xunta de Galicia. Todos eles estiveron traballando arreo para sofocar o lume e evitar desgrazas maiores nun día en que a intensidade do vento e as altas temperaturas fixeron temer danos máis graves. A todos eles reiteramos o noso agradecemento.
O equipo de Goberno do Concello de Alfoz, non usou nin usará unha desgraza coma o incendio para facer campaña política, non temos fotos do alcalde, Jorge Val, porque non son momentos de andar sacando fotos nin facendo vídeos, son momentos para estar á altura das circunstancias, para traballar por e para os veciños e veciñas de Alfoz. Pero tampouco imos consentir infamias.
Arantxa Incera. Tenente de Alcalde do Concello de Alfoz.