A Área Delegada de Xuventude do Concello de Alfoz organiza unha nova edición das Noites de Campamento, dando continuidade a esta iniciativa que tan boa acollida tivo anteriormente.
Mentres os nenos e nenas de 3 a 12 anos están a gozar do Ludiverán, agora é a quenda do outro tramo da xuventude un pouco maior. A rapazada de 13 a 17 anos terá a ocasión de vivir tres días de acampada durante os que se levarán a cabo actividades de diversa índole, como xogos nocturnos, busca do tesouro, tiro con arco e piscina.
O prazo para inscribirse nesta actividade comeza o vindeiro día 7 e finalizará o día 14 de agosto, e poderase facer tanto na Sede Electrónica como na propia Casa do Concello. Como é habitual, por motivos de organización a actividade terá prazas limitadas. Esta experiencia está dirixida á persoas nadas entre o ano 2005 e o 2010, sempre que non teñan os 18 anos xa cumpridos, e será completamente gratuíta. Os días de acampada serán o 22, 23 e 24 de agosto, e dende o Concello anímase a participar a todos os rapaces que queiran vivir unha aventura este verán.