A asociación ecoloxista Adega e o colectivo MariñaPatrimonio presentaron denuncia ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural polos posibles danos ocasionados no xacemento arqueolóxico do Castro da Croa de Montoxo, no municipio lucense de Alfoz, como consecuencia dos traballos forestais realizados na zona para a curta e replantación de eucaliptos.
Segundo informan ambas as asociacións mediante un comunicado, ao visitar o xacemento os seus membros comprobaron que foran abertas no Castro de Montoxo novas pistas para facilitar o paso da maquinaria e a retirada da madeira cortada, actuacións que afectaron “gravemente aos parapetos e aos fosos defensivos en varios puntos”.
Ademais, informaron de que tanto nos parapetos como nos fosos e na croa do castro foron realizados “centos de buracos cunha pa mecánica para a plantación de novos eucaliptos”. “En moitos deses buracos poden apreciarse mesmo pedras das antigas construcións do castro, así como numerosos restos cerámicos da Idade do Ferro“, indicaron.
Os colectivos denunciantes informan tamén de que “na zona máis elevada do xacemento chama poderosamente a atención a gran cantidade de fragmento de tella medieval que aparecen nos buracos abertos pola escavadora”.Desde o seu punto de vista, estamos “ante un auténtico atentado contra o patrimonio cultural de Galicia”, critican.
Culpan desta situación á propia administración, porque está a dar permisos de intervención, a propósito de que no Catálogo de Patrimonio Cultural existen erros, tanto na xeolocalización como na delimitación de moitos xacementos.