Os participantes do programa Ludiverán-Xogando en Igualdade do Concello de Alfoz participaron durante a xornada do luns, 9 de agosto, nun obradoiro sobre a Emerxencia climática a través do cal puideron comprender non só as razóns polas que a Terra está a sufrir esta problemática, senón tamén as consecuencias dunha Terra máis quente e contaminada.
Nun comunicado, os responsables do programa indican que os nenos “percatáronse da importancia de que cada persoa individualmente e cada familia colabore para poder mellorar ou frear esta situación, así como das ferramentas que poden empregar para facelo”.
Para finalizar o obradoiro tamén aprenderon a calcular a súa pegada ecolóxica e de como reducila “para non danar este anaco de terra que nos corresponde en empréstito”. É dicir, aprenderon a importancia de adoptar un estilo de vida máis acorde coa sustentabilidade e “das famosas 3R: reducir a adquisición e o uso de produtos, reutilizar e reciclar”.