O voceiro do BNG en Burela, Mario Pillado, sinalou que as medidas de actuación do Concello sobre Urbanismo, Mobilidade e Humanización así como en materia de Memoria Histórica.
Mario Pillado sinalou que as medidas en canto Urbanismo “non responden á planificación nin á previsión, mais ben todo o contrario. Levamos anos reclamando un Plan de Urbanismo, Mobilidade e Humanización; facémolo cada ano no debate orzamentario e sobre o Plan Único, posto que cremos que é a mellor forma para desenvolver o PXOM, aínda coas modificacións que precise o mesmo”.
Continuou Pillado dicindo que “o que percibimos como resposta é a improvisación e ó ir facendo tan característico do señor Llano. Por outra banda, xa solicitamos acceso ós informes nos que se baseou esta modificación de tráfico, para saber que criterios se seguiron para a mesma”.
MEMORIA HISTÓRICA
Noutra orde de cousas, Pillado indicou que “seguimos pendentes da creación da Comisión de Memoria Histórica que foi un acordo plenario ata en dúas ocasións e para a que non hai impedimento obxectivo ningún, posto que xa foi elexida cronista oficial, que era no que se escudaba o alcalde. É recoñecido o noso interese por mudar o nome da rúa Eijo Garay e a retirada do título de fillo adoptivo, e parécenos unha boa oportunidade se o obxectivo é darlle unha volta a nivel urbanístico á nosa vila. Para nós a ferramenta axeitada para esa modificación é esta comisión.”
Para finalizar, o voceiro do BNG sinalou que “tamén lle insistimos ó señor alcalde en que debe continuar coas negociacións co grupo propietario do inmoble ubicado na antiga fábrica de Gres, para acadar un convenio que sexa satisfactorio para ambas partes”.