-Cando decidiu fundar este museo etnográfico relacionado coa auga?
Hai que falar xa de comezos dos anos 90. No lugar había actividades relacionadas coa extracción de áridos, logo foi cando comezamos co museo da auga. A Barca de Pedra que flota é do 1992 e a partir de aí foron nacendo máis cousas.
-Como se foi restaurando a área logo de ser un lugar de extracción de áridos e poder crear o Museo da Auga?
A primeira gran colaboradora foi a propia natureza e logo un pouco de sentido común para axudala nesa tarefa.
-Recibiu algún tipo de axudas ou apois para sacar adiante o seu proxecto?
Primeiro foron axudas para turismo rural e logo para o Museo da Auga non houbo ningunha.
No lugar houbo actividades relacionadas coa extracción de áridos, logo foi cando comezamos co museo da auga
-Que elementos descoñecidos lle quería mostrar á xente en relación á auga?
Ademais de ser Museo da Auga é un conxunto natural, pois todo está ligado, sen auga non hai natureza e sen natureza tampouco hai auga. A auga é un elemento moi descoñecido a pesar de todo. Botamos todo o lixo á auga e un día este elemento cansará de tanto lixo. Pola miña parte, tento valorar máis a sonoridade da auga que a súa visibilidade, aínda que é unha satisfacción aproveitala polo ollo e o oído. Son e imaxe están unidos e varían de maneira constante. Un pode estar mirando para a auga durante vinte anos e nunca máis se repiten as mesmas imaxes.
-As enormes raíces que hai expostas na finca de que árbores son?
A maioría son de castiñeiros. Tres delas estiveron expostas no Gaiás sete meses nunha mostra titulada “Da árbore á cadeira”, foi alá polo 2017. Logo retornaron mais na finca temos unha maior diversidade de raíces.
-Como as conseguiu?
A maioría estaban no monte xa secas. Compráballas aos paisanos e outros dábanmas e desa maneira desenvolvín unha colección e a mairía son centenarias longas.
Ademais de ser Museo da Auga é un conxunto natural, pois todo está ligado, sen auga non hai natureza e sen natureza tampouco hai auga
-Dentro da finca hai un batán e un muíño. Como foron os traballos de recuperación destas pezas?
O muíño tiña xa uns 150 anos e era un enxeño industrial onde se cobraba por moer. Iso estaba en funcionamento, houbo que restaurar algunhas partes polo que lle cambiou en parte a imaxe e tamén a mellorou. O do batán foi unha ilusión que tiven porque, mesmo dentro do val, houbo catro batáns máis polo que eu sei pois déronlle nome ao lugar onde estiveran. Conseguir isto deume moito que facer pois andei por áreas de Lalín e por Asturias e, grazas a Pepe Ferreiro que me dera os planos dun batán, puiden montar o batán e Pepe Ferreiro puido montar o seu, o dos Feixois, foi unha moi boa colaboración. Ferreiro foi o fundador do museo de Grandas de Salime de quen gardo como recordo un plano, unha persoa moi válida a quen lle tiña moito aprezo, creo que el a min tamén. Marcou un antes e un despois en Grandas.
-Cal é a sensación que percibe das persoas que visitan o Museo da Auga?
Sobre todo a impresión que lles deixa a natureza, cousa que tento sexa o máis libre posible dentro da pouca liberdade que lle damos. Ver como utiliza todo os seus recursos durante toda a súa vida e como loita pola convivencia e a supervivencia.
-Quixo axudar a preservar algunha especie que se podería perder?
Ás veces veñen biólogos e quedan sorprendidos ante a presenza de animais ou plantas que din non se ven noutros lugares, como algunhas especies de rás, de patos ou plantas.
O do batán foi unha ilusión que tiven porque, mesmo dentro do val, houbo catro batáns máis polo que eu sei pois déronlle nome ao lugar onde estiveran
-Cal era a súa ocupación antes de dedicarse por enteiro ao museo e á Finca Galea?
Pois fixen Capataces na Coruña especializándome en fruticultura e horticultura e sobre iso, foise saíndo para arriba. Logo en 1981 mercouse a Finca Galea e penso que foi un éxito tela adquirido.
-De onde vén o nome da finca, Galea?
Era o apelido da familia fundadora do espazo. Era unha familia moi respectable e moi respectuosa, de feito había un cura descendente deles. A casa restaurouna un señor de Asturias a quen lla merquei e logo fixemos unha torre nova con pedras vellas por iso non rompeu coa contorna existente. Esta casa era moi coñecida polos seus muíños.
-Ten pensado algún proxecto para engadir ao espazo do museo?
Si, quero engadir unha pasarela para poder ver unha fervenza desde unha perspectiva diferente. Tamén ando creando bancos para fusionarse con árbores vivas, así cando a xente senta recibe a enerxía desas árbores.