InicioCentralAlfozActividades para o 25N nos centros educativos de Alfoz para visibilizar o...

Actividades para o 25N nos centros educativos de Alfoz para visibilizar o compromiso contra a violencia de xénero

Durante toda a fin de semana iluminarase de cor violeta a Casa do Concello.

Publicada o

- Advertisement -

O venres, 25 de novembro, está programada unha actividade cos centros educativos do concello, IES Alfoz-Valadouro e CEIP Castro de Ouro, nos xardíns do Concello de Alfoz. Para visibilizar o compromiso contra a violencia de xénero e partindo da proposta do instituto de educación secundaria, cuxo alumnado fará unha andaina ata a Casa Consistorial onde se unirán cos nenos e nenas do colexio ás 12:45h.

Estudantes do IES Alfoz-Valadouro irán nomeando accións e actitudes positivas e negativas segundo as cales se irán arrancando follas dunha margarida de grandes dimensións preparadas polo instituto, co texto “quéreme” ou “non me quere” co fin de destacar e distinguir as relacións sans e igualitarias e aquelas que son “síntoma” de relacións tóxicas, xermen de violencia psíquica e física.

O centro da margarida leva o lema elixido polo concello, “imos rachar co silencio” para promover a conciencia de que todos e todas somos necesarios para previr e evitar situacións de desigualdade e que non debemos calar ante a violencia machista. Unha vez arrancados todos os pétalos da margarida, racharemos o silencio con aplausos e música.

A música correrá a cargo do alumnado do CEIP Castro de Ouro, coa canción “La puerta violeta” de Rozalén que é tamén un canto a esperanza, fundamental para ver que hai saída das situacións de violencia. Durante toda a fin de semana iluminarase de cor violeta a Casa do Concello.

Ao longo do ano, o concello traballa a prol da igualdade con distintas accións e proxectos. O pasado fin de semana organizouse o Festival de Cine de Mulleres que tivo unha gran acollida.

O vindeiro sábado 3 de decembro teremos por segunda vez un Curso de Autodefensa para mulleres, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, no que se poden inscribir mulleres a partir de 16 anos ata o 1 de decembro.

No IES Alfoz-Valadouro, acaba de colocarse a “escaleira de igualdade”, deseñada polo propio alumnado e profesorado tras a proposta municipal para este proxecto no que pensamos que é fundamental que se impliquen e cuxo resultado é realmente espectacular, tanto polo contido destacando mulleres pioneiras en distintos ámbitos coma no deseño artístico das mesmas. Ademais, precisamente pola implicación e colaboración do centro educativo, nos meses de xaneiro e febreiro levarase a cabo un proxecto de Educación Emocional para todos os cursos en colaboración cos titores e titoras, así como co Departamento de Orientación, pois pensamos que é imprescindible dotar aos máis novos de ferramentas e recursos para coñecerse, valorarse, tratar as emocións e autoestima, etc.

Continuamos elaborando as Axendas Coeducativas, xa por cuarto ano, para todos os niveis educativos, desde infantil ata a universidade, e incluso para a escola de maiores que este ano tamén contan coa súa propia edición. De xeito directo ou transversal, as políticas de todas as áreas municipais traballan para facer realidade unha sociedade realmente igualitaria. 

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...