O alcalde, Alfredo Llano, anunciou hoxe que non se presentará á reelección nas municipais de maio. Volverá ao ensino, onde rematará a súa vida profesional antes de xubilarse. O rexedor considera que tras 12 anos no cargo e outros catro como concelleiro e deputado provincial chegou o momento de pechar esta etapa.
Alfredo Llano dixo: “non me vou presentar á reelección nas eleccións municipais de maio. Eu teño un compromiso persoal porque me falta un curso para ter 35 anos traballados no ensino, período de tempo que debemos ter para poder optar á xubilación. Para min o ensino foi e é moi importante, polo que é para min unha honra a nivel persoal rematar a vida profesional no instituto. Así que non vou presentarme ás eleccións porque quero rematar a miña andadura profesional completando eses 35 anos de traballo no ensino. Polo tanto incorporareime ao instituto no mes de setembro para facer un curso e un pouquiño máis do seguinte. Para min é un pracer e unha honra ir ao instituto de novo para rematar a miña vida laboral porque foi moi importante o ensino para min”.
O alcalde burelés comentou que “xa levo 16 anos no Concello, dunha maneira ou doutra: practicamente 12 de alcalde e 4 máis que estiven como deputado e concelleiro tamén. Entón penso que xa é unha boa etapa, na que tratei de cumprir, de facelo o mellor posible; procurei sempre achegarme á xente, que tivo unha confianza máxima. O Concello foi unha institución moi próxima, estivo aberto para todo o mundo e procuramos facer todo o que estaba nas nosas mans. Este mandato tivemos un problema gordísimo coa pandemia de covid, que condicionou dunha maneira extraordinaria todo, aínda que penso que soubemos resolvelo moi ben, grazas ao traballo conxunto e compartido de moita xente, pero afectou unha barbaridade en moitos aspectos. Agora teño ese compromiso persoal e vou cumprilo”.
BALANCE DE OBRAS
Alfredo Llano aproveitou a xornada de hoxe para facer balance dalgúns dos traballos realizados: “fixemos moita obra nos últimos tempos, tanto en edificios como en rúas, parques e prazas. Melloráronse moitas zonas, como por exemplo a do Hórreo, que está enfronte ao porto, ou a de Vila do Medio, na rúa da Capela, onde a actuación que se fixo deulle unha singularidade e unha importancia a esta zona, que quedou moito máis bonita e máis practica, porque ademais do adoquinado fixéronse obras de canalizacións. Todo isto no seu conxunto beneficia moito a eses barrios e creo que os veciños están contentos porque eses barrios gañaron en singularidade e importancia, e teñen máis interese para vivir neles”.
O alcalde burelés contou que “hai outras melloras que rematamos agora, como a da rúa Rosalía de Castro, nunha segunda fase que xa chegou ata o parque e deulle unha gran amplitude a esta rúa, que quedou moi diferente a como estaba: moito máis atractiva, práctica, segura e humana, porque está máis pensada para o peón. Humanizar as rúas é un dos nosos obxectivos porque está en consonancia co medio ambiente. Queremos que Burela sexa vistosa e práctica, pero ao mesmo tempo gañar en saúde, utilizando menos o coche e favorecendo máis que as persoas anden”.
Llano García engadiu que “imos facer tamén moi preto da rúa Rosalía de Castro, na Lamestra, que está situada mesmo enfronte do parque, unha nova actuación, que suporá unha mellora para o parque. Vamos adoquinar un tramo duns 180 metros desa rúa, o que lle vai dar unha singularidade e unha importancia grande a esa zona e ao mesmo tempo gáñase en seguridade e espazo para o parque. Espero que quede ben esta obra, que lle dea grandeza ao pobo e que estimule e motive á xente para estar a gusto aquí e poida establecer o seu proxecto de vida en Burela, que é o queremos. E vamos continuar ata xuño traballando, impulsando e mellorando o atractivo e seguridade do pobo para que a xente se sinta a gusto e que sexa un sitio moderno e adecuado aos novos tempos”.