InicioCentralBurelaVisita a Burela do Presidente da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos

Visita a Burela do Presidente da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, subliñou que “estamos colaborando dentro das nosas posibilidades con Cabo Verde porque en Burela o 10 por cento da poboación é caboverdiana".

Publicada o

- Advertisement -

O alcalde, Alfredo Llano, fai un balance positivo sobre a visita realizada a Burela por parte de Hermenio Fernandes, presidente da asociación nacional de municipios caboverdianos, que estes días participou en Lugo nun evento organizado polo Fondo Galego de Cooperación, do que forma parte o Concello burelés.

O rexedor dixo que “onte asistín a un taller simultáneo dentro das xornadas que organizou o Fondo Galego de Cooperación, que xerou unha serie de actividades durante 3 días co título Gobernos locais e cooperación internacional ao desenvolvemento. Estamos metidos no Fondo Galego de Cooperación desde hai xa moito tempo e acudimos alí polo interese que ten participar neses debates e nesas actividades informativas, que estiveron moi ben. Entre os invitados estaba Hermenio Fernandes, que é o presidente da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos e o presidente da Cámara Municipal de Sao Miguel, que é un concello que está na illa de Santiago e resulta que este pobo caboverdiano ten asinado co Concello de Burela unha irmandade desde o ano 2001, cando se fixo aquí, en Burela”.

Llano explicou que “entón dado que viña a Lugo para participar neste taller achegámonos ata alí e escoitamos como falou de exemplos da cooperación que se está facendo en Cabo Verde e con outros países. Foi unha charla interesante e ao remate falei con el, comentoume que tiña moito interese en achegarse a Burela, dado que aquí hai a comunidade caboverdiana máis numerosa de Galicia, e onte pola tarde estivo no noso concello, asinou no libro de honra e levou un agasallo institucional para o seu municipio de Cabo Verde”.

Para o rexedor “é interesante que siga habendo unha boa relación porque ese convenio co municipio de Sao Miguel asinouse principalmente para colaborar con eles con respecto ao ensino, e xa se fixeron cousas nese ámbito; tamén para cuestións relacionadas coa saúde e coa medicina; e sobre a pesca. Había eses tres puntos de referencia para cooperar, pero realmente o máis importante era o educativo: tense enviado material escolar, participouse en programas e viñeron estudantes de alí para desenvolver aquí os seus estudos. Precisamente Burela está colaborando con Cabo Verde, tanto nesa illa de Santiago como na de Sao Vicente, onde se fai a feira Expomar”.

O alcalde de Burela subliñou que “estamos colaborando dentro das nosas posibilidades con Cabo Verde porque en Burela o 10 por cento da poboación é caboverdiana e creo que é de xustiza ter unha boa relación con toda esta xente e con Cabo Verde”.

Alfredo Llano engadiu que “onte Hermenio Fernandes estivo na Casa do Concello de Burela, pero tamén se reuniu con moitos caboverdianos que están aquí e que lle comentaron unha serie de temas, sobre todo referidos á atención administrativa. El tomou nota para transmitirllo ao seu presidente”.

E indicou que “vamos manter e potenciar dentro das nosas posibilidades esa relación que se asinou aquí no ano 2001, cando era alcalde Manuel Mon. Queremos engrandecer esa relación con contactos constantes para ver ata onde podemos chegar”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...