Burela homenaxeará a Rosalía de Castro para o 23 de febreiro repartindo marca páxinas coa súa figora

O concelleiro de Cultura, José Díaz, engadiu: “e ademais vamos repartir nos CEIP e nos IES marca páxinas cun deseño moi atractivo da figura de Rosalía cunha composición súa".

José Díaz, concelleiro de cultura de Burela. AXM

O Concello repartirá nos centros de ensino marca páxinas para celebrar o Día de Rosalía o 23 de febreiro. Esa xornada haberá tamén un obradoiro creativo e unha actuación de Arume.

O concelleiro de Cultura, José Díaz, contou que “o 23 de febreiro celébrase o Día de Rosalía, unha muller poetisa que marcou a cultura de Galicia desde que empezou a publicar as súas primeiras obras. É un día no que en case todos os concellos facemos algún tipo de homenaxe para recordar a súa figura. En Burela xa despregamos unha pancarta na fachada da Casa do Concello, onde se pode ver unha das súas poesías máis coñecidas e parte da súa biografía básica, para que ninguén esqueza nunca a figura desta gran escritora galega”.

O edil burelés explicou que “aparte diso queríamos facer algún acto ese día que escapara un pouco do habitual, por exemplo as lecturas, que poden facerse un pouco engorrosas e ás veces realmente os que len fano para se mesmos porque non se congrega xente. Entón pensamos en dúas cousas que puxeran en relevo a figura de Rosalía doutra maneira. Unha delas enfocada máis a cativos, cun obradoiro creativo que lle chamamos A miña Rosalía; trátase de decorar unha imaxe de Rosalía de Castro utilizando diversos materiais, como plastilina, papel, cores, abelorios. Está enfocado a nenos de 3 a 12 anos e farase ese mesmo xoves a través de Gaia. Será na Casa da Cultura entre as 16:30 e as 19:00 horas. Durante ese tramo horario poden pasarse cando queiran os nenos, imos darlles un pequeno agasallo aos participantes e despois todas esas creacións de Rosalía que fagan expoñerémolas durante unha semana na Casa da Cultura para que as poidan ver eles, as súas familias e evidentemente toda a veciñanza de Burela. Para este taller aconséllamos que, por previsión, se chame antes para avisar da presenza no teléfono 982.58.08.67, que é o número de Gaia; hai que chamar polas mañás para deixar o nome e así poder calcular a presenza que pode haber. Pensamos que é algo bastante orixinal e que pode gustar esta iniciativa”.

José Díaz seguiu a relatar que “a segunda actividade que teremos é unha actuación ás 18:30 horas dese mesmo xoves 23 por parte do grupo Arume, de Burela, a cargo da súa sección infantil e xuvenil, que farán unha pequena actuación diante da Casa Concello, onde está despregada a pancarta de Rosalía. Invitamos a que veñan ver esa actuación todos os que lles apeteza. E outra maneira, neste caso musical, de recordar a súa figura, tamén certamente polo vínculo que hai entre a literatura de Rosalía e a música porque moitas das súas poesías e composicións pasaron a ser letras de cancións tamén moi coñecidas dentro da música galega”.

O concelleiro de Cultura engadiu: “e ademais vamos repartir nos CEIP e nos IES marca páxinas cun deseño moi atractivo da figura de Rosalía cunha composición súa. Serán en diferentes formatos, para que neses centros os directores e profesores os deixen nas bibliotecas en concreto. Non queremos que sexa un reparto man a man senón que todos os nenos que vaian á biblioteca, que é o sitio principal onde se accede á literatura nun centro escolar, poidan coller alí os seus marca páxinas e levar sempre a figura da poetisa con eles cando estean lendo algún libro. Con todo isto apostamos unha vez máis por estes días que se crean para conmemorar, como neste caso a figura dunha escritora que aportou moito á cultura galega, non só na parte literaria senón tamén desde logo no feminismo, coa súa loita pola igualdade nunha época que era complicada neste sentido”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here