O Concello de Burela constituíu en xuño de 2021 a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero.
A concelleira Noelia Mª Ben indicou que “se trata dunha iniciativa que busca incrementar o grao e a calidade da coordinación entre todas as administracións públicas do Concello de cara á prevención e abordaxe da violencia de xénero, e contribuír así a optimizar a accesibilidade das mulleres afectadas aos recursos a través da coordinación dos servizos de atención do noso ámbito municipal, buscando que sexa unha ferramenta operativa que consiga unha maior eficiencia en todas as actuacións”.
A edil de Igualdade contou que “a tal fin, a dita mesa está integrada por profesionais de todos os ámbitos municipais e outros implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero, como a Subdelegación do Goberno de Lugo, Policía Local, Garda civil de Burela, representantes dos centros educativos do pobo, representantes do Centro de Saúde de Burela e do Hospital da Mariña, eu mesma como concelleira de Igualdade e persoal técnico do Centro de Información ás Mulleres, da Unidade Asistencial de Drogodependencias e de Servizos Sociais do Concello de Burela”.
Noelia Mª Ben dixo que “logo de 4 xuntanzas cabe resaltar o traballo desenvolvido ata este momento, destacando a formación dos profesionais que integran a mesa, a través dun plan de formación especializado en violencia de xénero, así como un avanzado estado de preparación do proxecto do Protocolo Burela tecendo rede contra as violencias machistas”.