No Concello burelés tivo lugar esta mañá unha recepción a Francisco Pereira, o deputado nacional de Cabo Verde para a diáspora, que estes días visita a localidade. Xunto a el estivo o alcalde, Alfredo Llano.
O rexedor contou que “esta mañá tiven a ocasión e o pracer de recibir a don Francisco Pereira, que é deputado caboverdiano que está facendo os seus labores representativos en Suiza, concretamente en Lausanne, e que se achegou a Burela para participar nun acto que organizou o instituto O Perdouro, no que imos participar mañá, e tamén veu para reunirse coa comunidade caboverdiana”.
Llano fixo un balance positivo do encontro desta mañá: “o recibimento foi grato, como debe ser, e estivemos falando de Cabo Verde e de Burela, dos lazos que nos unen e de como pretendemos mellorar en todos os aspectos. Foi un pracer estar aquí con el e comentounos as preocupacións en torno aos emigrantes que viven en Burela e tamén nos informou de cómo está Cabo Verde e as súas inquedanzas cara ao futuro. Nós mantivemos o noso compromiso de manter unhas relacións estables e moi positivas para os dous países”.
O alcalde de Burela dixo que “houbo tamén unha petición por parte do instituto, que xa levamos tempo con ela e queremos normalizala o antes posible: despois da cuarta ou quinta xeración na que están os caboverdianos que viven en Burela que o ensino se teña en conta desde Cabo Verde. Hai unha proposta para que polo menos teñamos aquí un profesor que fale o seu idioma e que poida axudar a normalizar ao alumnado caboverdiano. Tamén se demanda a atención de todo tipo de cuestións administrativas que os caboverdianos de Burela teñen moita dificultade para realizar, como son os pasaportes, polo que se lle solicitou que bote unha man neste tipo de asuntos”.
E engadiu: “Francisco Pereira comprometeuse a realizar estas tarefas e a que no futuro estes lazos se manteñan. El quere ser protagonista nesa relación e por tanto quedamos en chamarnos e volver convocar outra reunión o antes posible”.