IniciosociedadeSiempre Casina ou Safrán, entre os máis de cen naufraxios en Galicia...

Siempre Casina ou Safrán, entre os máis de cen naufraxios en Galicia no século XXI

Nos últimos 18 anos perderon a vida en buques da comunidade máis de 50 traballadores

Publicada o

- Advertisement -

Ás 13.49 horas do pasado mércores Salvamento Marítimo recibía unha alerta dunha radiobalizada do pesqueiro ‘Sin Querer 2, con base en Portonovo’. Afundírase a 4,5 millas ao sur de Cabo Fisterra.

Este novo accidente no mar provocou a morte de tres persoas. Unhas horas despois, xa de madrugada, era outro buque o que se afundía en Malpica. Morría o seu patrón do A Silvosa.

Estas traxedias son as últimas dunha longa lista de naufraxios que sacoden á costa galega. Nos 18 anos deste século afundiron en augas de Galicia máis de cen buques.

A maioría das embarcacións adicábanse á pesca, aínda que tamén houbo sinistros de mercantes, barcos de recreo e de petroleiros. Un triste reconto que deixa máis de 50 falecidos, gran parte deles tamén galegos.

A MARIÑA

Na Mariña Lucense é de triste recordo o afundimento do volanteiro burelés Siempre Casina, que foi a pique o 22 de febreiro de 2005 a 21 millas da costa de Ribadeo, durante o período de descanso da tripulación.

Faleceron oito dos seus nove tripulantes, pero só se puideron rescatar os cadáveres de seis, atrapados no interior do barco. Os falecidos eran oito veciños de Burela, dous deles nados nesa vila, tres nados en Perú, dous en Senegal e un máis en Cabo Verde.

Outro volanteiro, neste caso con base en Celeiro, o Safrán, afundiuse en augas francesas -a 35 millas ao norte de San Sebastián– o 30 de novembro de 2014.

Catro dos seus seis tripulantes foron salvados polo buque de Cariño Os Merexos. Dous mariñeiros desapareceron.

Este mes cúmprense dez anos do naufraxio do arrastreiro Rosamar -buque portugués con armador de Burela- a unhas 24 millas de San Cibrao. Sobreviviron cinco dos trece tripulantes, con tres mortos e cinco desaparecidos.

En maio do 2007 faleceron dous tripulantes do barco de baixura Nuevo Armadorín, con base en Burela. O buque afundiuse preto da Illa Pancha, en Ribadeo.

En xaneiro do 2008, o embarrancamento da lancha Sombriza provocou a morte de dous mariñeiros na ría do Vicedo.

DEZ MORTOS NO BAHÍA

O naufraxio máis grave deste século tivo lugar o 3 de xuño do 2004, nas Sisargas. O buque Bahía afundía e levaba a vida de dez mariñeiros.

Antes del, xa houbera máis mortos. Catro morreron no afundimento do Buraz, no 2000, na illa de Ons, outros cinco en Muxía no 2002, no Panchito e outros catro no Meloxeira, un pesqueiro coruñés que andaba ao polbo e afundiu en Xacentes.

Ese mesmo ano -un dos máis tráxicos do século XXI nas costas galegas- tamén morrían outros dous en Lobeira Chica, no Fervenza III.

No 2011, outro pesqueiro de Malpica afundía a oito millas da Coruña. Era o Nuevo Luz. Morrían dous mariñeiros de 40 e 45 anos. Puideron salvarse o capitán e tres mariñeiros. Un ano despois era o Serviola Uno o que tamén naufragaba na ría de Muros. Morría outro traballador do mar.

O 2014, ANO TRÁXICO

O 2014 foi outro ano tráxico no mar galego. O 17 de febreiro falecía outro tripulante no Nuevo Sara fronte a illa da Marola, na Coruña.

Pouco despois, o 1 de abril eran cinco os que morrían no arrastreiro Mar de Marín tras unha colisión co mercante malaio Baltic Breeze.

Trala desgraza do Safrán, o ano remataba con outros tres mariñeiros desaparecidos no Paquito II, un bateiro afundido en Cabo de Cruz.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...