O Concello celebrou hoxe o día da árbores plantando diferentes especies. As monitoras de Gaia explicaron que “hoxe celebrouse o Día da Árbore e plantamos diferentes especies con varios centros educativos e colectivos. Participaron o CEIP Virxe do Carme, o CEIP Vista Alegre, a escola infantil do Vista Alegre, a escola infantil de Os Castros, a Fundación Eu Son e a asociación Saúde Mental da Mariña”.
Desde Gaia indicaron que “cos dous CEIP, con Eu Son e con Saúde Mental A Mariña fixemos o xogo Adiviña que árbore é, no que durante catro días damos pistas e teñen que adiviñar de que árbore se trata. Os gañadores son os encargados de plantar unha árbore, un arbusto, unhas plantas ou sementes, segundo o que nos pedirán no seu centro”.
E engadiron que “no caso das escolas infantís facemos plantacións con persoal de Xardinería do Concello e os nenos e as nenas axudan a botar a terra e abono e a regar, e explicámoslles como teñen que coidar o que plantamos”. Nos actos desenvolvidos ao longo desta mañá participou a concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo.