-Por que estamos falando da VII e última edición de Amarte?
Pois basicamente, porque o espazo onde se realizaban as pinturas, o muro do porto, queda sen espazo para continuar con esta experiencia. Medimos a distancia do muro, fómolo dividindo e en canda edición pintan nove murais, agora mesmo ese é o espazo que nos queda. Realmente quedan nove espazos, mais imos pintar oito e o último quedará para algunha idea no futuro. Mesmo pensamos en deixalo por se algún día Banksy quere usar esa parte libre, deixámoslle a porta aberta, non vai vir, mais, quen sabe?
-Aínda así, Burela ten un área urbana ampla onde poder realizar traballos como os realizados en Amarte. Non se pensou en levar esta iniciativa a outras localizacións dentro do concello?
Si é posible, mais eu non o vou facer porque xa non me presento nas vindeiras eleccións. Insisto, si é posible porque hai moitas ideas para poder continuar, tamén hai zonas onde pintar, hai muros onde se podería continuar, non só no porto, tamén dentro da vila. En definitiva, esta VII Edición é “especial” porque acaba o muro e esta versión de Amarte temos que rematala. Oxalá continúe noutro sitio, mais non me tocará a min.
-Que experiencias foi deixando Amarte non só en Burela senón tamén fóra da vila?
É certo que había sitios de Galicia con pinturas murais de grande tamaño, ocupando fachadas enteiras, mais este formato diferente case como un lenzo, como un museo ao aire libre, revitalizalo, único, porque este formato é orixinal. Non é orixinal por pintar murais, mais si como unha caste de museo nun espazo aberto, tal como está sinalizado na entrada de Burela. Certamente non vin algo semellante noutro lugar, mais debe resultar atractivo para outras vilas e concellos que dispoñan dun lugar como pode ser un muro en branco, sería unha cousa boa, iso si, debe decidilo cada un.
-Non che comentaron nalgún lugar que a idea de Burela era moi boa e ao mellor a copiaban ou que é unha maneira estupenda de dar a coñecer novos artistas?
Unha das chamadas máis curiosas foi a da revista Arte, unha das publicacións referentes dentro do espazo nacional. Debeu ser pola terceira ou cuarta edición para facer unha reportaxe e falar comigo porque lles chamara moito a atención. Logo hai moita xente que visita Burela e achégase por alí para ver as pinturas e a propia xente da vila, porque ás veces dise que non valoramos o noso, mais é certo que a veciñanza de Burela o valora moito como unha cousa curiosa, que esperan dure moitos anos e ademais, non houbo ningún acto de vandalismo sobre as pinturas en ningún momento. Durante estes sete anos non aconteceu nada así, algo que demostra para min como se valora o traballo dos artistas que veñen como a súa pegada.
-Coñécense as impresións de persoas que traballan no porto ou das tripulacións que desembarcan?
A min tocoume ver unha vez un grupo de persoas que estaban vendo as pinturas e contáranme que oíran falar delas, eran membros da tripulación dun pesqueiro vasco. Creo que en xeral gusta, porque os deseños teñen temática relacionada co mar, por iso percibo unha visión positiva.
-Cando se ideou Amarte pensouse nalgún estilo en concreto?
Non, ningún. Son veciño de Burela e esta idea ocorréraseme moito antes de ser concelleiro. Chamábame a atención ver ese muro pintado de branco, aínda se fose pedra, mais en branco? Así foi como fun imaxinando pintar esa superficie branca. Logo, xa no Concello, presenteille a idea ao alcalde, Alfredo Llano, quen lle pareceu ben mais era necesario pedir permiso a Portos, pois era competencia desta entidade. Costou un pouco, logo aceptaron coa condición de que a temática fose o mar. Non me pareceu unha “imposición”, pareceume lóxico e unha boa idea. En total, de cincuenta pinturas que pode haber, todas ellas teñen o mar como protagonista e iso mostra a existencia de moitísima temática posible en relación co mar. Tamén, se se fixese fóra do porto, ao mellor xa non se podería chamar Amarte, polo mar. A parte de “arte” tería sentido, mais o de “mar” ao mellor perdería o seu impulso.
-Algún ou algunha das artistas participantes do proxecto chegou a ter relevancia logo de deixar a súa creación en Amarte?
Si, e voume referir a un artista con nome dentro do graffitti, Diego As, (Diego Anido), quen pintou aquí no primeiro ano, 2017, quedando terceiro. Foi o que pintou o Xulio César de Lugo, elixido como o mellor mural de 2022. Martín Cal, quen agora traballa en Alemaña. Logo outros eran persoas xa coñecidas. Ao final, os mesmos artistas nos din que isto lle dá un empurrón no seu currículo e van así progresando.
-Esperas que isto sirva como legado para futuras iniciativas como esta?
Gustaríanme dúas cousas. A primeira, que se conserven as pinturas, os propios artistas dicían que “isto ten duración limitada, en tres catro anos irá caendo todo”. Busquei maneiras de conservalas, levan un barniz para conservalas durante nove anos. É un material caro, mais espero que quen veña conserve estas pinturas. Tamén que noutros lugares se faga algo semellante ao noso, que non é copiar, é poñer en valor.