No Concello celebrouse esta mañá unha xuntanza para preparar o dispositivo de seguridade das festas patronais. O concelleiro de Cultura, José Díaz, explicou que “celebramos esta mañá no Concello unha reunión entre a Garda Civil, a Policía Local, a Alcaldía, a Delegación de Cultura e a comisión de festas para organizar o dispositivo dos festexos de Burela deste ano. Comentamos o programa previsto e todas as medidas destinadas a velar pola seguridade das festas, que é evidentemente o máis importante de todo“.
O edil burelés manifestou: “así que agradecemos a ambos os corpos, tanto á Policía Local como á Garda Civil, a súa predisposición e as súas achegas de ideas para axudar a que a seguridade sexa a que todos esperamos e que non haxa ningún tipo de conflitividade nestas festas. Pedimos á xente respecto e queremos frear problemas como o botellón. A Garda Civil xa nos comunicou que vai estar moi pendente diso, así que a advertencia está aí. É unha fonte de problemas, como todos sabemos, mesmo tamén de riscos de cortes e demais porque é aí pode haber cristais e complicar moito as cousas. En canto aos bares das festas xa está decidido que este ano todos usarán vasos de plástico, non de cristal, o cal é unha medida de prevención demostradamente eficaz”.
Díaz engadiu: “entón con todas estas cousas e máis, que iremos contando, tentaremos que sexan unhas festas seguras, nas que todo o mundo poida gozar delas con tranquilidade”.
Na xuntanza celebrada esta mañá no Concello participaron o alcalde, Alfredo Llano, o concelleiro de Cultura, José Díaz, a presidenta da comisión de festas, Toñi Eijo, así como membros da Policía Local e da Garda Civil.