InicioCentralBurelaAntón Niñe: "A finalidade das pinturas murais nas igrexas era aprenderlle á...

Antón Niñe: “A finalidade das pinturas murais nas igrexas era aprenderlle á xente as Sagradas Escrituras”

Antón Niñe é un investigador das pinturas eclesiásticas na Mariña luguesa. Profesor de Relixión, ten impartido palestras arredor do patrimonio cultural mariñao. Conversamos con el sobre as pinturas murais da igrexa de Vila do Medio en Burela, que dan testemuño da existencia desta vila xa no século XVI aproximadamente.

Publicada o

- Advertisement -

-De que época son as pinturas murais da Igrexa da Vila do Medio, en Burela?

Sábese que son do século XVI, dun gótico tardío, a finais do gótico. Hai algúns historiadores que as colocan a finais do século XV, mais a maioría concorda en que son do XVI.

-Cales son os trazos máis distintivos destas pinturas murais?

As características estilísticas distintivas están na indumentaria dos protagonistas, as armas militares dos soldados, deseños vigorosos e rostros de trazos grosos e esquemáticos. Os diferentes paneis con pinturas foron separados con grecas ou franxas ornamentais e motivos xeométricos. Isto fai pensar que son desa época da Baixa Idade Media.

-Coñécese o motivo polo que se realizaron estas pinturas?

Debemos ter en conta que a maioría das persoas naquel momento eran analfabetas, por iso a finalidade das pinturas era aprenderlle a catequese cristiana á xente sen coñecementos de escritura e lectura. Así explicaban textos bíblicos a través da pintura. Por iso, tanto as catedrais románicas como góticas están consideradas “biblias en pedra”.

-Estas pinturas estiveron sempre á vista da xente?

A igrexa da Vila do Medio estivo aberta ao culto até 1962, ano en que se pechou e sobre a que houbo moito abandono até 1994, cando despois de restaurada, foi aberta de novo ao público. Mais as pinturas murais descubríronse en 1973 e a partir de aí comezaron a coidar o templo e facer traballos de restauración. Estas representacións pictóricas estaban situadas no muro norte e no muro sur. Ambos os dous sufriron filtracións de auga polas choivas. Non obstante, debemos ter en conta que na maioría destas igrexas houbo que calear as paredes por problemas sanitarios. Era unha maneira de aillar ante posibles enfermidade e por iso se taparon con cal que co paso do tempo foi caendo. Así foi como se descubriron as pinturas. Isto aconteceu en varios templos na Mariña como foi o caso da Igrexa das Dores de Ribadeo. Coas técnicas de restauración foise sabendo cales eran os motivos destas imaxes.

-Cando se levaban adiante obras coma esta naquela época, quen sufragaba estes traballos?

Eu non podo afirmalo con exactitude, mais normalmente era a mesma parroquia. Había obradoiros itinerantes que eran contratados polos donos das parroquias, pois había parroquias baixo protección real ou baixo protección dun señor feudal ou un rexedor. Por iso, ás veces eran estes señores quen pagaban os traballos e outras veces a mesma Igrexa.

-As representacións de Burela gardan relación coas pinturas descubertas na catedral de Mondoñedo?

As pinturas de Mondoñedo son moi anteriores. Si hai pinturas góticas como “A Matanza dos Inocentes” e “Escenas da Vida de San Pedro”. Non podo dicir se gardan algún tipo de relación entre elas, mais si sei que son anteriores ás pinturas da igrexa de Vila do Medio en Burela. Igual que en San Martiño de Mondoñedo (Foz) hai pinturas góticas. Na Mariña de Lugo hai varios exemplos de pinturas góticas, tamén na capela de Santa Filomena de Cadramón hai pintura gótica e o mesmo na igrexa que está diante do castelo de Alfoz.

-Polo que conta é como se nesa época houbese unha eclosión de obradoiros de pintura nas igrexas, quizais como di, para explicar pasaxes da Biblia. Detrás destas representacións bíblicas había algún mandato episcopal para a explicación das Sagradas Escrituras?

Iso é algo que non podería responder afirmativamente, mais imaxino que sendo da mesma diócese, os altos cargos diocesanos seguramente nas reunións presbiteriais comentarían este tema e é posible que “houbese un acordo” cos párrocos para levar adiante estas encargas, mais non podo aseguralo.

-Gárdase algún deseño da antiga igrexa?

Descoñezo iso, mais unha rapaza que estudou Belas Artes, fixo o que sería o plano base do templo. Entre os séculos XVII e XVIII houbo ampliacións na capela da Nosa Señora do Carme e logo no XVIII construiuse a sacristía e o presbiterio.

-Con quen se contactou para a restauración das pinturas e a súa posta en valor?

Isto foi Belas Artes. As autoridades culturais foron as que levaron adiante o proceso de restauración. Para facer este tipo de obras hai que ter a aprobación dos organismos pertinentes da Xunta. A restauración fíxose baixo o criterio de recoller e respectar todos os fragmentos de pintura. Hoxe en día hai catro temas ou fragmentos recuperados. Unha simboliza a Resurrección de Cristo e é a única pintura en vertical e logo están as pinturas do sepulcro de Xesús.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...