O ‘Nuevo San Juan’, o pesqueiro de Burela que ardeu no Gran Sol o 2 de xullo e cuxos 15 tripulantes foron rescatados, permanece desde as 21,30 horas do venres no porto de Xixón (Asturias) a espera dos informes sobre o seu estado.
Segundo informou a Europa Press o xerente da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela, Sergio López, unha vez no porto e tras permanecer máis dunha semana á deriva en augas francesas, os técnicos da aseguradora deberán inspeccionar o seu estado para declarar se é apto ou non para ser reparado.
Con todo, Sergio López estimou que case ao “99%” prevese que o barco teña que ser despezado, aínda que se deberá esperar aos informes para confirmar este punto. Precisamente, ante estas previsións, a embarcación foi trasladada a un punto do porto no que hai unha empresa autorizada para levar a cabo os labores de despezamento.
En concreto, o ‘Nuevo San Juan’ é un palangreiro de fondo que está activo desde maio de 1999 e pertence ao censo unificado da frota de NEAFC, realiza a súa actividade en augas do Gran Sol e de Francia (golfo Biscaia), dedicado especialmente ás capturas de pescada do pincho. Ten 31,5 metros de eslora. Os 15 tripulantes –que xa están en Burela desde hai uns días– foron rescatados polo barco ‘Nuevo Confurco’ –con base en Vigo– cando estaban en balsas salvavidas.