A axenda do Concello de Burela para o mes de xullo inclúe actividades deportivas, festivas e gastronómicas. A programación arrincou o pasado día 10 con balonmán e seguiron onte co IX Torneo de Tenis Memorial José Luis Yebra. A partires do luns, día 17, terá lugar un campus de fútbol da SD Burela. Tamén o luns volverá o balonmán para rapazas e rapaces de 6 a 16 anos e dará comezo o Verán na Praia, que se prolongará ata o 1 de setembro.
Do 21 ao 23 terá lugar a Romaría do Monte Castelo. O 25 de xullo Burela celebrará o Día de Galicia cunha pancetada e co concerto de DeVacas. Entre os días 27 e 30 haberá un tapeo na hostalaría local que terá ao bonito como protagonista. Será a antesala da Feira do Bonito, prevista para a primeira fin de semana de agosto.
O día 20 haberá Cine na Rúa. Será na Praza do Concello, onde se proxectará Lightyear. E o 28 haberá unha nova sesión de cine ao aire libre coa proxección de Momias na Praza da Mariña. E o 29 celebrarase unha nova edición da Carreira Burela Bonita.
Desde o Concello animan “a gozar da axenda cultural-estival-deportiva que preparamos para este verán e que iremos dando a coñecer pouco a pouco”.