O Concello de Burela fixo públicas as bases do VII Certame de Pintura Mural Amarte, que se desenvolverá do 3 ao 6 de agosto, coincidindo coa celebración da Feira do Bonito.
A concelleira de Cultura, Lina Gómez, dixo que “estamos diante da sétima e última edición de Amarte por limitacións de espazo no muro portuario. E a ela queremos convidar a participar aos artistas locais e comarcais que pola súa traxectoria se considere que son merecedores da invitación”.
A edil burelesa explicou que “serán nove os murais que se pintarán e que terán unhas dimensión de 5,90 metros por 2,10 metros. As obras deberán ser completadas nun máximo de catro días de traballo, entre o 3 e o 6 de agosto. A distribución dos murais, que terán como temática o mundo do mar, farase por sorteo”.
O Concello de Burela destina aos premios do VII Certame de Pintura Murla Amarte un total de 4.400 euros. Lina Gómez indicou que “o gañador recibirá 1.200 euros, o segundo premio está dotado con 800 euros e o terceiro con 600 euros. Ademais cada participante non premiado recibirá 300 euros”. A participación neste concurso supón aceptación plena das súas bases.