O equipo de goberno actúa con previsión e con provisión de fondos, segundo subliñou o alcaldesa, Carmela López, tras o pleno ordinario celebrado onte e no que foron aprobadas dúas modificacións de crédito por importe de máis de 2.200.000 euros, que se destinarán a realizar diferentes actuacións na vila.
A rexedora explicou que “con estas modificacións de crédito dotamos partidas orzamentarias para poder facer inversións. Por exemplo para finalizar os expedientes de expropiación dos terreos dotacionais e tamén obras como as da Marosa (a grada do campo de fútbol, a substitución do campo de herba artificial e o peche perimetral), tamén partidas para o arranxo de beirarrúas e de vías como Leandro Cucurny, Calle do Can, Vila do Medio, mellora de parques e prazas en Vilar, O Cantiño, O Campón, Parque Rosalía de Castro, Tíjola..)”.
Carmela López subliñou que “este equipo de goberno ten claro que hai que investir en Burela e actuamos con previsión e con provisión de fondos, facendo esta modificación para ter dispoñible este diñeiro e así facer realidade proxectos e actuacións na nosa vila”.
As dúas modificacións de crédito aprobadas ascenden a máis de dous millóns douscentos mil euros. En total 2.228.058,19 euros.
O rexedora dixo que “este foi o noso primeiro pleno ordinario, convocado en prazo, tal e como estaba establecido. Estas sesións serán o último xoves de cada mes impar”.