Todo está listo en Burela para a celebración da Feira do Bonito e de Produart. A alcaldesa, Carmela López, anima a achegarse á vila esta fin de semana para gozar destas citas e de todas as actividades paralelas que se desenvolverán ao longo destes días.
A rexedora manifestou: “a primeira fin de semana de agosto é unha data que todos as burelesas e bureleses temos marcada no calendario para non faltar á cita da nosa tan estimada Feira do Bonito. Xa son 37 anos celebrando esta forma de pescar tradicional e sostible”.
Carmela López convida a achegarse a Burela ao longo desta fin de semana: “dende o Concello de Burela queremos convidarvos a todas e todos a acudir á nosa vila para desfrutar non soamente da ración clásica, da tapa de salpicón, do marmitako e desta degustación, que é a alma da feira, senón tamén de Produart e das actividades complementarias que engalanan esta fin de semana: o torneo de baloncesto, a quedada de coches clásicos, o certame de pintura Amarte, o torneo de fútbol de veteranos ou o primeiro encontro de alfombrismo de arte efémero galego. Agardamos que as veciñas, veciños e visitantes pasen moi boa fin de semana en Burela”.