InicioCentralBurelaBurela e o seu Plan de Mobilidade Sustentable, un reto de cara...

Burela e o seu Plan de Mobilidade Sustentable, un reto de cara á seguridade viaria

A Semana Europea da Mobilidade fai un chamado á cidadanía para un uso responsable das rúas e facelas tamén máis habitables. Búscase a humanización de espazos que permitan a convivencia de toda a veciñanza para que ninguén teña límites cando queira desprazarse polos diferentes lugares da vila.

Publicada o

- Advertisement -

A Semana Europea da Mobilidade fai un chamado á cidadanía para un uso responsable das rúas e facelas tamén máis habitables. Búscase a humanización de espazos que permitan a convivencia de toda a veciñanza para que ninguén teña límites cando queira desprazarse polos diferentes lugares da vila.

O Concello de Burela celebra novamente este ano a Semana Europea da Mobilidade entre os días 16 e 22 de setembro. A principal función das diferentes actividades que se celebrarán este ano buscan concienciar a toda a veciñanza da necesidade de respectar a mobilidade entre persoas dentro dun espazo urbano. Ademais diso, e segundo o marcado pola Unión Europea dentro desta Semana, a cidadanía deberá coñecer a necesidade de promover tamén un ambiente sustentable dentro do ámbito urbano.

“Buscamos que haxa rúas máis amigables, máis accesibles e pensando nas persoas” di a alcaldesa Carmela López. Esta intención é o xermolo detrás do Plan de Mobilidade Sostible que Burela busca poñer en marcha para facer da vila un lugar máis confortable para vivir. “O día 21 de setembro un dos nosos técnicos falará cos veciños e veciñas que queiran sobre o Plan de Mobilidade Sostible explicándolles o que é atenderá as súas preguntas”. Isto acontecerá dentro do espazo “Pregúntalle a David”, o técnico que explicará o Plan de Mobilidade Sostible.

ACTIVIDADES

“As actividades cos menores realizaranse dentro do horario escolar” di Lina Gómez, concelleira de Cultura e profesora da iniciativa medioambiental Aula Gaia. “A Aula Gaia fai actividades cos colexios e institutos” di Gómez. Así, o alumnado fará actividades como ir andando aos diferentes espazos onde desenvolverán algunhas das actividades.

O alumnado aprenderá cales son as eivas que ofrece o deseño viario de Burela ante os desafíos que presenta para persoas con diversidade funcional, xente maior, menores, pasos de peóns e outros elementos. “Eles iranse dando conta se as rúas son accesibles, se son aptas para carriños e os obstáculos que pode haber para cruzar unha rúa”.

A rúa será o lugar onde a xente poda facer ioga, zumba, xadrez e outras actividades que normalmente se fan en lugares pechados. “O domingo pecharemos as rúas Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Pardo Bazán de sete da mañá a nove da noite para crear un espazo peonil” di Lina Gómez. Aparecerán entón os grandes taboleiros de madeira onde poder moverse cos xogos e as aulas de exercicio físico.

EDUCACIÓN VIAL MÁIS MEDIOAMBIENTAL

“Levaremos adiante unha iniciativa que será colocar bicicletas estáticas coas que xeraremos electricidade para alimentar dinamos, esa enerxía traducirase en música que se poderá oír na rúa” di Carmela López. “Este ano a Unión Europea busca traballar sobre a eficiencia enerxética” apunta Lina Gómez. “Mais tamén aprenderemos á veciñanza como circular de maneira segura, sobre todo como peóns”.

Esa educación como peóns e condutores tamén inclúe palestras para os máis novos. Aquí búscase concienciar desde idades temperás sobre a necesidade de respectar as normas de circulación e, sobre todo, non cometer imprudencias nin erros que poden custar accidentes moi graves.

Finalmente, o peche de rúas non só servirá para xornadas lúdicas. Tamén se poderá facer unha avaliación de como afectaría o peche de determinadas rúas ao tránsito de vehículos. “Iso habería que velo, xa digo que debemos estudar a cuestión do tráfico e como afectaría á vida diaria, sobre todo tendo en conta que Burela ten unha grande cantidade de tráfico debido aos e ás traballadoras que van e veñen doutros lugares da comarca”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...