InicioCentralBurelaJesús San José: "De Valladolid saímos setenta familias para traballar en Alcoa"

Jesús San José: “De Valladolid saímos setenta familias para traballar en Alcoa”

Jesús San José naceu en Cigales, Valladolid. Na capital de provincia traballou en Enasa, empresa do aluminio que logo pechou mais a el e outras familias, ofrecéronlles ir a San Cibrao por ser unha empresa máis moderna. En total, corenta anos en Burela máis os cinco que pasou en Valladolid. Forma parte dunha comunidade que agrupou no seu momento 70 familias. Presidente da Asociación Cultural Ledicia por catro anos, pintor e Asador Oficial da Feira do Bonito, considérase un "embaixador" entre o seu lugar de nacemento e o de residencia.

Publicada o

- Advertisement -

-Cal foi o motivo polo que se desprazou de Valladolid a Burela?

Por traballo. Eu estaba na fábrica de aluminio de Valladolid, Endasa, e cando construíron a de San Cibrao, era comparar o moderno co antigo. De corenta e cinco anos traballando, corenta xa os levo en Burela. Daquela ofrecéusenos a posibilidade de vir para aquí e como estaba casado e cunha filla de cinco meses, pois viñemos para Burela. Non me arrepinto porque entrei en Endasa, Inespal, Alúmina-Aluminio e agora Alcoa. Quitando aqueles meses tan duros do ‘Casón’, o barco dos famosos bidóns e polo que estivemos na rúa, quitando iso, non podo queixarme. Tantos anos despois, agora estou retirado, pois nunca nos faltou a nómina e por tanto moi ben. O motivo simplemente foi ese, que a fábrica vallisoletana vendeuse a outras xentes e marchei para Burela, e non fun o único. Fomos case 70 familias para traballar en Alcoa.

-Todas esas familias acabaron en Burela?

Non. Houbo persoas que viñeron só por un tempo e despois acabaron xubiladas e volveron coas súas familias. No meu caso, teño unha filla en Medina del Campo e outra en Viveiro, dúas netas aquí e dúas netas alá. Mais a miña muller e eu decidimos seguir en Burela.

-Como foron os primeiros anos, houbo dificultade en adaptarse?

É todo moi diferente de como é Castela, costumes, clima e pasar dun lugar como é Cigales a un porto de mar como Burela. Logo estaba o idioma, que de primeiras era algo difícil mais logo había xente que che axudaban a entender e a aprender. A miña muller máis eu sempre fomos moi sociables e axiña entramos na sociedade cultural Ledicia para axudarlles, fun presidente catro anos, e así fomos implicándonos na vida social de Burela e foinos moi ben, teño moitos amigos aí.

-Dentro e fóra de Ledicia, cales foron as súas experiencias máis vividas ou máis sentidas?

Nunha directiva pois organizas moitas actividades, mais o que me chamou a atención é que Ledicia tivo un club de remo e eu era quen levaba aos rapaces do club a todas partes sendo como o delegado en todas as cousas. E todo iso sen ser eu home de mar senón de interior. Aquí bañabámonos no Pisuerga, e grazas. Quero dicir que esa faceta miña sorprendeume moito, mais vivina con ilusión. Ser presidente e organizar a Feira do Bonito daquela que non tiñamos medios, case nada, e faciamos sacando para adiante. Tocoume a “guerra do bonito” sendo presidente e daquela foi duro, case nin a celebramos mais ao final dixemos: “hai que facela pois merece a pena”. Levo xa tempo liberado e axudo nalgunhas cousas, mais agora con moita calma.

-Tamén recolleu a afección de pintar. Como se cualificaría, realista?

Realista ou case hiperrealista. A min se me gusta unha cousa, sácolle unhas fotografías e quedo coa que máis me atrae e logo, a partir dela, saco as miñas pinturas. Gústame moito o mundo do touro, é algo que vivín desde neno. Gosto de pintar tanto o touro, o toureador e o seu traxe en diferente facetas. Teño unha colección deste tipo de pinturas que expuxen en Cigales, o meu lugar de nacemento, e en Medina del Campo, dous lugares moi taurinos. En Burela queren ver eses cadros sobre o traxe do toureo, traxes de de luces. Ao mellor o ano que vén podo levalos a Burela onde, precisamente, no mes de marzo deste ano fixen unha exposición de “mariñas”, desde o Faro de Burela até a Marosa. Eran once cadros de 81×53, gustaron bastante e vendín algún. Iso revaloriza o teu traballo e dan gañas de seguir. O da pintura é unha paixón e que me invita moito a seguir adiante. A xente que vive no Cantiño di de facer cadros dese lugar e ao mellor fago uns poucos.

-Tamén é asador oficial de bonito.

Digamos que si, facemos o posible, se non é dunha maneira é doutra. Colaboración fai falta, porque a Feira do Bonito non sae por si soa. Aprendín a asar o bonito cos amigos de Burela, unha xente incrible, que me aprenderon a facer cousas co peixe na grella. Agora quedamos un grupo reducido, mais fiel, que temos unha liña de asar o bonito, o chicharro, a sardiña ou o churrasco, e hai que saber facer. Aquí, en Medina del Campo, pois ás veces preparo os chicharros lañados, así que cando nos dá a paixón, prepárolles un chicharros.

-Os vallisoletanos crearon comunidade, asociacións en Burela ou San Cibrao?

Intentouse nun primeiro momento, mais cuestións burocráticas non nos animaron moito. Coñecémonos e temos amigos de todas partes, mais non se puido concretar.

-Que lle preguntan en Cigales sobre Burela e viceversa?

Pois case que me vexo como embaixador entre un lugar e outro. Cando fun presidente de Ledica e logo sen selo tamén, trouxen o grupo de danzas á Festa da Vendima, que aquí é moi importante, e a Burela levei tres veces grupos de Cigales á Feira do Bonito. No meu lugar dinme “ahí viene el gallego” e en Burela dinme “El Cigales”. Tamén vou subindo imaxes ás Redes Sociais dun e doutro lado. Así, desde o meu pobo vai xente á Feira do Bonito e de aquí van comer a Cigales e ver a igrexa que lle chaman La Catedral del Vino.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...