O Xulgado de Instrución número 2 de Viveiro decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, dun home que foi detido como suposto autor dun delito de agresión sexual a unha menor de idade cometido o fin de semana no municipio de Burela. Así o confirmaron este xoves fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que precisaron que o acusado se atopa investigado por un delito de agresión sexual a menor e por outro de roubo, ao subtraer presuntamente o teléfono móbil á vítima.
Os feitos tiveron lugar na localidade mariñá na madrugada do sábado ao domingo. Foi a menor quen efectuou a denuncia ante a Garda Civil e a que puxo en coñecemento dos axentes que o presunto agresor, un home novo, subtraéralle tamén o seu teléfono móbil. Efectivos da Garda Civil procederon na xornada do martes á detención do individuo e a xuíza decretou o seu ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza como presunto autor dun delito de agresión sexual impóndolle ademais unha orde de afastamento da vítima.
UNHA SITUACIÓN “PREOCUPANTE”
A investigación policial, que se desenvolve neste momento coa máxima discreción a fin de protexer a intimidade da vítima, é a segunda que involucra a un menor de idade en Burela en pouco menos de dúas semanas, logo de que o 25 de outubro fosen postas en liberdade con medidas cautelares as dúas persoas acusadas de secuestrar na localidade a un menor de 16 anos.
A alcaldesa de Burela, a socialista Carmela López, cualificou, en declaracións a Europa Press, como “preocupante” o sucedido. “Son noticias que ningún veciño nin veciña queren ler pero que están a pasar na sociedade a nivel xeral”, lamentou a rexedora, antes de precisar que se trata “afortunadamente dun feito illado” no municipio.