Este luns 20 de novembro pola mañá presentouse no salón de actos da Confraría de Pescadores de Burela o documental “A Festa do Carme nos portos da Mariña de Lugo”.
A Federación de Confrarías de Pescadores de Lugo levou a cabo este proxecto grazas ao convenio suscrito coa Consellería do Mar da Xunta de Galicia, no que se fai un percorrido pola historia das celebracións que se dedican á Virxe dos Mares desde as confrarías da costa de Lugo: procesións, misas, tallas, ofrendas florais e mesmo ofrendas submarinas.
O presidente da Federación de Confrarías de Pescadores de Lugo, Basilio Otero, acompañado da xefa territorial da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Mariña Gueimunde, e da alcaldesa de Burela, Carmela López; presentaron o documental, que ao longo duns 40 minutos repasa a historia, o pasado e o presente destas celebracións de fondo sentimento relixioso e profundo raizame popular entre as xentes do mar da Mariña.
A reportaxe está realizada pola productora local Arracada Produccións con imaxes actuais das celebracións e tamén aproveitando parte do arquivo histórico de imaxes de Sergio López Maseda (Foto Sergio) das últimas décadas, desde as primeiras alfombras florais ata as últimas procesións marítimas.