InicioCentralBurelaAna Pontón compromete en Burela unha lei de igualdade para o deporte

Ana Pontón compromete en Burela unha lei de igualdade para o deporte

A líder nacionalista explicou que esta lei tamén contempla outras medidas, como a promoción de Plans de conciliación “para que ningunha muller teña que abandonar a súa carreira deportiva para ser nai”.

Publicada o

- Advertisement -

A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, elixiu un encontro coas xogadoras do Burela-Pescados Rubén de fútbol sala, multicampioas de España e de Galiza, para falar sobre a igualdade no deporte e explicar as propostas de goberno do BNG neste ámbito.


Pontón indicou que a igualdade, tamén no deporte, será unha das súas máximas prioridades no goberno que aspira a presidir a partir do 18F e, concretamente no ámbito deportivo, avanzou o desenvolvemento dunha Lei de igualdade con medidas moi concretas, como combater a fenda de xénero no deporte, cunha partida orzamentaria específica para este fin, ou que os premios ou galardóns financiados con cartos públicos serán iguais para homes e mulleres, coa mesma contía económica e a mesma divulgación.


A líder nacionalista explicou que esta lei tamén contempla outras medidas, como a promoción de Plans de conciliación “para que ningunha muller teña que abandonar a súa carreira deportiva para ser nai” ou o impulso dunha representación equilibrada entre homes e mulleres en todos os órganos de dirección deportivos, tanto na Administración como nas federacións, incluíndo a creación dunha comisión de igualdade no deporte que conte cun mínimo dun 50% de representación de mulleres.


Neste sentido, tamén avanzou a creación dun Observatorio de Deporte e Mulleres que permita coñecer o que acontece neste ámbito de actuación e, deste xeito, poder determinar medidas eficaces dende a Administración.


O proxecto de lei do Bloque incorpora tamén a necesidade de garantir a igualdade salarial entre mulleres e homes por facer o mesmo traballo en todas as federacións e entidades deportivas galegas ou que os medios públicos informen e difundan eventos deportivos mantendo un equilibrio entre as competicións masculinas e femininas.


Outra cuestión que Pontón considerou precisa é combater a violencia de xénero tamén no ámbito deportivo, polo que avanzou que esta Lei de igualdade incluirá tamén medidas específicas nesta dirección, como a posta en marcha dun espazo accesible e seguro para denunciar calquera comportamento machista ou quitar dos recintos deportivos, co aval da xustiza, a aquelas persoas que mostren comportamentos machistas durante a práctica deportiva mentres duren as sancións impostas.


Pontón agradeceu a acollida á directiva do Burela-Pescados Rubén, nomeadamente ao seu presidente, Manuel Blanco, salientando a súa implicación no mecenado deportivo e o seu compromiso coa igualdade, e especialmente ás xogadoras, coas que compartiu un encontro-conversa que cualificou de “luxo” e que lle permitiu coñecer de primeira man as inquedanzas das mulleres deportistas.


Logo de desvelar que ela mesma tivera a oportunidade de xogar hai 30 anos en Sarria nun dos primeiros de fútbol sala feminino, mostrou a súa alegría e satisfacción como “dende hai 30 anos aquí as mulleres foron rompendo moitas barreiras”, aínda que tamén recoñeceu que aínda hai “moitas barreiras que romper”. Por iso, concluíu, “imos poñernos a traballar pola igualdade porque como dicía Megan Rapione, a igualdade non é un privilexio, é un dereito que teñen todas as persoas”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...