-Que supón para Burela entrar na Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención do Sistema Nacional de Saúde, unha iniciativa dentro do Plan Estratéxico de Saúde Nacional?
Para Burela significa entrar nunha rede de traballo do Ministerio de Sanidad, ter acceso a formación, ter acceso a financimanento e comezar a traballar para fomentar a vida saudable dentro da poboación. Tamén significa acceder a unha aplicación do Ministerio para ter un rexistro de todos os recursos de saúde que ten o Concello de Burela.
-Traballa como farmacéutica de Atención Primaria. Cal é o seu cometido neste posto?
Son farmacéutica de Atención Primaria no Centro de Saúde de Burela, por tanto formo parte do equipo de Atención Primaria. O meu traballo en parte é revisar o tratamento dos pacientes. O meu posto en relación coa Estratexia de Promoción da Saúde quere dicir que son traballadora do SERGAS que ten unha serie de obxectivos de actividade comunitaria. Nese sentido, pode entenderse todo o traballo de adhesión á Estratexia como unha parte das miñas funcións como farmacéutica de Atención Primaria, que é traballar na saúde comunitaria.
-Como profesional de saúde cales cre que serían as primeiras repercusións desta incorporación na xente de Burela?
O obxectivo fundamental da Estratexia é aumentar a calidade de vida dos veciños. Iso faríamolo tocando os principais problemas que afectan á comunidade como é a vida sedentetaria, a alimentación pouco saudable e o consumo de tabaco e de alcohol. Son os catro puntos fundamentais onde a estratexia do Ministerio tenta indicir para mellorar a saúde das persoas e nós intentaremos traballar en Burela para mellorar estes aspectos.
-Algún deses puntos teñen maior presenza na poboación burelesa?
Os estudos falan de que os catro puntos nomeados antes son os principais factores relacionados coas doenzas máis habituais relacionados con eles: diabetes, doenzas cardiovascular, problemas respiratorios e cancros. Outro elemento importante e que se podería desenvolver sería un estudo máis en profundidade no Concello.
-Dentro do programa que presenta a Estratexia en Burela participaron unha serie de persoas, que poden aportar cada unha delas cos seus testemuños?
Cando fixemos o programa da xornada entendemos que hai que falar de saúde dunha maneira xeral. Non ten sentido falar de hábitos de vida, de maneiras de vivir, cunha única persoa. Cando falamos de vida sedentaria, ten sentido meter xente relacionada co mundo do deporte, por iso estivo Antía a xogadora de fútbol e tamén as pausas activas. Estas últimas son pausas na xornada laboral durante a xornada laboral para recuperar a enerxía do corpo, mellorar o rendemento. Unha persoa que traballa diante do computador toda a mañá, se fai uns estiramentos cada dúas horas, sábese que diminúe riscos de doenzas e faborece a saúde laboral. Para falarmos dito convidamos ao técnico deportivo do Concello de Burela. Entre cada unha das palestras faremos unha pausa activa de 10 minutos para aprendermos como facelas e aplicalas despois nos nosos traballos.
-Que cualidades reunía Burela para formar parte da Estratexia?
Non hai que cumprir unhas determinadas características. Calquera concello pode unirse á estratexia. Ten que haber un interese, un equipo impulsor e que leve adiante o proceso de inclusión.
-Dentro da xente máis nova, cales son as cuestións a mellorar?
Un problema que se sente dentro da infancia e dos mozos e mozas é o sobrepeso. Esta é a nova pandemia e dentro da poboación infantil é moi grave. Estase traballando en todos os niveis, e desde logo a poboación de Burela non é allea, especialmente na xente máis nova e na infancia.
-É difícil introducir novos hábitos saudables na xente nova para mellorar a súa saúde?
Si, desde logo cambiar os hábitos de vida é das cousas máis difíciles para cambiar. É complicado, é unha tarefa multidisciplinar, debe haber un traballo conxunto para mellorar a vida das persoas. É moi complexo en nenos, adolescentes e xente adulta.