Un home foi detido en Burela pola Garda Civil acusado de traficar con droga desde o seu domicilio, no que os axentes requisaron 60 gramos de cocaína.
O arresto deste individuo, de 45 anos e veciño da localidade mariñá, produciuse o pasado martes e foi posto a disposición do xulgado na mañá deste mércores, segundo comunicou o Instituto Armado.
As pescudas dos investigadores seguiron a esta persoa durante meses despois de ter información que o relacionaba coa venda de estupefacientes en locais e zonas de lecer nocturno de Burela.
O seguimento iniciado o pasado ano permitiu relacionar ao arrestado coa actividade delituosa, que levaba a cabo desde o seu domicilio, ao que se desprazaban os consumidores para adquirir cocaína.
Despois de varias aprehensións de cocaína nos arredores da vivenda, os investigadores levaron a cabo un rexistro domiciliario no que interviñeron 60 gramos de cocaína, unha báscula de precisión, máis de 600 euros en efectivo en billetes pequenos e moedas, así como reloxos, xoias e teléfonos que a Garda Civil relaciona coa venda de estupefacientes.