A Mancomunidade de Municipios da Mariña emitiu un comunicado no que asegura que as estadías dos visitantes nos hoteis adheridos ao proxecto Turismo Slow Norte de Galicia sitúanse “entre os cinco e os sete días”.
Segundo o colectivo de municipios mariñao, este dato avala un proxecto “pioneiro”, impulsado polas mancomunidades da Mariña Lucense e de Ferrolterra co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, e que desenvolve Promove Consultoría.
Segundo explica o equipo técnico que está a desenvolver esta iniciativa, Turismo Slow Norte é un proxecto de participación voluntaria para aquelas empresas de aloxamento que cumpran determinados requisitos. Entre eles, compromisos ambientais -de coidado da contorna- coa calidade do servizo.
Nas reunión do grupo de empresas participantes establécense tarefas para “o desenvolvemento dun produto innovador e sostible, que poña en valor as características sociais, culturais e naturais do noso destino turístico”.
Así, procúrase a un turista “que escape da masificación e busque riqueza patrimonial e gastronómica”.
LOGO
A mancomunidade fixo balance da promoción turística realizada en Fitur e en Xantar, destacando que o vídeo presentado en Madrid foi compartido en redes sociais por máis de 3.000 persoas.
A axente de desenvolvemento turístico da mancomunidade, Tania Hermida, expuxo que o colectivo de municipios “dará a coñecer proximamente” o seu novo logo, “co fin de reforzar e empezar a traballar de forma homoxénea a imaxe que se transmite do xeodestino”.