O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa) distribuirá 2,36 toneladas de xarda ás frotas do caladoiro Cantábrico e Noroeste, “para paliar a escasez de cota” desta campaña.
Segundo expón o Goberno, esta cantidade adicional supón incrementar as posibilidades de pesca da frota “un 11,64%”. O Executivo anunciou que nos próximos días “comunicaranse ao sector as cantidades que corresponden a cada censo e buque deste caladoiro no caso de repartos ou asignacións individuais”.
No pasado mes de decembro, a Comisión de Pesquerías do Atlántico Oriental (NEAFC) reduciu a cota da cabala na zona cantábrica nun 20%. Á reducción había que engadir a multa imposta por sobrepesca no 2009.
O Ministerio afirma que o Estado “iniciou negociacións con outros socios comunitarios para a realización de intercambios que permitisen obter cantidades adicionais de cota de xarda na pesquería, que está xa en pleno rendemento”.
Segundo o Goberno central, como resultado destes intercambios con outros Estados Membros da Unión Europea, asignaranse ás frotas do censo de NEAFC outras 400 toneladas adicionais ás citadas de cabala do stock que non poden ser utilizadas na zona 8c-9, e que servirán, expón o Executivo “para cubrir as necesidades da frota en canto ao cumprimento da obriga de desembarque”.
O Goberno sinala que “mantéñense negociacións para obter cotas adicionais de xarda que poñer a disposición da frota se fose posible nas próximas semanas”, se ben “a incerteza do Brexit engade complexidade ás negociacións”.
MOVEMENTO EN BURELA E CELEIRO
A frota comezou a pescar xarda nas últimas semanas. Entre o 18 e o 22 de marzo, a lonxa de Burela alixou un total de 172.288 quilos de cabala, cun prezo medio de 1,09 euros. No que vai de campaña, o porto burelao moveu 358.332 quilos, cun promedio de 1,33 euros o quilo e máis de 475.000 euros de volume de negocio.
A xarda chegou tamén a Celeiro, que recibiu nos últimos cinco días 43.810 quilos dos 49.123 que se alixaron no que vai de ano. No peirao celeirese alcanzouse un prezo de venta sensiblemente superior, cunha media de 1,53 euros o quilo.