O Pescados Rubén Burela FSF deixouse este sábado boa parte das súas opcións de acadar o título da Liga Foro 16 Feminismo despois de perder na casa (1-2) fronte ao Atlético Navalcarnero.
O Futsi iguala a puntos co Burela FSF á fronte da táboa, pero supera no goalaverage particular ao equipo laranxa. Deste xeito, o cadro mariñao terá que agardar un tropezo do seu rival, o que se presume difícil dada a solidez do conxunto branquivermello.
A TARDE DAS PORTEIRAS
Nun ambiente de gala, tras consumarse o ascenso do equipo masculino da entidade laranxa, as gardametas demostraron na primeira metade o seu alto nivel para frear todas as acometidas do equipo contrario e manter as súas porterías a cero.
Foi un auténtico festival das cancerbeiras, que obraron a milagre de que non houbese goles nun primeiro acto pleno de intensidade entre dous equipos formados por algunhas das mellores futbolistas do mundo: Peque, Cilene, Dany, Ari, Gaby, Amelia, Anita Luján…
No minuto 5, a porteira do Futsi Marta Balbuena estivo expeditiva para saír aos pés de Cami. A gardameta estivo de novo pletórica, esta vez ante Dany, para frustrar as oportunidades dun Burela FSF que gañaba con facilidade as costas da defensa visitante.
No minuto 7, Ju Delgado estivo a piques de cazar un envío nunha falta lateral. Acto seguido, unha xogadora do Atlético desviou o disparo de Jenny cando a parroquia local xa cantaba o 1-0. Pouco despois, Jozi desbaratou dúas oportunidades da ex do Pescados Rubén Gaby e de Marta Pelegrín, esta última cunha intervención soberbia a un disparo raso.
No minuto 12, Dany puxo a proba a Balbuena, que realizou pouco despois unha parada descomunal, cuns reflexos felinos, a un disparo cercano de Popó. No 15, Jozi frustrou con outra intervención extraordinaria a Leti, que fixera unha boa parede con Amelia para quedarse soa fronte á gardameta brasileira.
Dous minutos antes do descanso, Dany non chegou por pouco a definir tras a un excelente contragolpe do Burela FSF levado por Peque e Luci. A continuación, a pivote brasileira tivo outra boa opción na que Balbuena certificou de novo o seu talento. Jozi mostrou as súas condicións de novo segundos despois.
ANITA LUJÁN ROMPE O EMPATE
Tralo descaso, o Futsi deu primeiro cun tanto de Anita Luján, que definiu con sutileza por riba de Jozi tras aproveitar unha perda de balón do cadro laranxa preto da súa portería. A á internacional do Futsi estivo a piques de arrefriar Vista Alegre cun remate ao longueiro pouco despois.
Cilene tivo o empate dous minutos despois do 0-1, cun disparo cruzado que se foi fora por pouco.
O Burela FSF non se desanimou e tivo boas oportunidades nas botas de Peque, tras unha gran porta atrás de Dany a Leti, e Cilene, pero foi Ari quen aproveitou un erro do cadro local para superar a Jozi no man a man e acadar o 0-2.
DOUS PAUS E UN DOBRE PENALTI
De aí ao final, malia saber da dificultade da empresa, o equipo que preparan Julio Delgado e máis Lucas deu o mellor de si para tentar equilibrar o electrónico. Dany rematou ao pau no minuto 35. Pouco despois, Bea Mateos entrou como porteira-xogadora. O Futsi cometeu a sexta falta, pero Cami non puido superar a Estela, que entrou para manter a firmeza demostrada pola súa compañeira.
A xogadora brasileira topouse co longueiro no minuto 38, antes do gol de Peque, a 31 segundos do desenlace. Aínda habería tempo para unha nova intervención de Balbuena, que salvou o 2-2 e deulle ao Futsi medio título de Liga.