A Xunta Electoral de Mondoñedo non aceptou a reclamación de Burela Sempre para repetir as eleccións nunha mesa do Perdouro. O partido do deputado non adscrito Manuel Martínez, que quedou a un voto de obter representación, pedira ao órgano electoral unha nova votación despois de que no escrutino realizado o pasado martes se detectase a falta de sete voto nulos.
Na resolución, o órgano zonal argumenta que non ten competencia para “ordenar a repetición total ou parcial” dos comicios. O candidato da formación, Carlos Peinó, avanzou que recurrirán á Xunta Electoral Provincial.
O pasado domingo, Burela Sempre 271 votos, os mesmos que precisou o BNG para sumar o terceiro concelleiro. Dada a escasa marxe, unha eventual repetición das eleccións na mesa, con 488 persoas censadas, podería cambiar o reparto de actas na futura corporación municipal.
ARQUIVADAS AS DENUNCIAS Á XUNTA
A Xunta de Galicia informou de que a Xunta Electoral de Mondoñedo arquivara sen sancións as tres denuncias que acusaban ao delegado territorial, José Manuel Balseiro, de incumprir as limitacións informativas vixentes durante os periodos electorais.
A normativa prohibe “actos organizados directa ou indirectamente polos poderes públicos que conteñan alusións ás realizacións ou logros obtidos” ou “actos de inauguración de obras e servizos públicos”.
Segundo o goberno galego, a XEZ respaldou as actuacións denunciadas ao considerar que entraban dentro da “liberdade da información” e que “non supoñína presentación de logros de ningun partido político”.
No comunicado expoñen que continúan en curso procedementos por denuncias interpostas contra o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, o candidato socialista do Vicedo, Vicente Parapar, o alcalde de Alfoz, Jorge Val, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.