A Mariña Lucense mostrou o seu potencial turístico en Turexpo, a feira de referencia do sector celebrada en Silleda. Concellos como Burela, Mondoñedo ou Viveiro fixéronse notar na cita con degustacións gastronómicas e presentacións dos recursos culturais, paisaxísticos e naturais de cada municipio.
Ducias de persoas acudiron á degustación de bonito ofrecida polo Concello de Burela e pola asociación Ledicia. En poucos minutos esgotáronse as racións do príncipe azul que foi presentado en albóndegas, en pastel e en empanada.
Ata Silleda se desprazou o alcalde, Alfredo Llano, para asistir a este acto que se desenvolveu a poucos metros do stand no que de Burela amosou as súas potencialidades turísticas.
Llano salientou que en Turexpo “demos a coñecer a feira do bonito, as festas patronais ou as xeorrutas. Repartíronse centos de dípticos sobre toda a oferta turística e gastronómica que poden atopar en Burela. Trátase dunha boa forma de dar a coñecer onde está o noso pobo e todo o que facemos aquí”, remarcou.
CERTAME DE LEDICIA
Ledicia tamén deu a coñecer os gañadores do concurso de carteis da Feira do Bonito. Lin Vizoso López gañou na categoría de ata 14 anos, polo que o seu deseño protagonizará o programa de man.
O cartel será obra de Andrea Gómez Pardo, que foi a gañadora na categoría de maiores de 14 anos.
VIVEIRO
Tamén contou con posto propio na feira o Concello de Viveiro, que dispuxo xunto coa Xunta de Confrarías unha exposición sobre a Semana Santa, e tamén unha degustación de pescada do pincho e de pan dos apóstolos, doce típico da celebración relixiosa.
Así mesmo, o goberno local aproveitou a presenza de arredor de 30 tour operadores de varios países para impulsar unha visita ao municipio, con visitas guiadas polos recursos turísticos.
MONDOÑEDO
Mondoñedo, outro dos municipios que contou con stand, tamén se fixo notar en Turexpo. En Salimat, o salón gastronómico do evento, o chef Bruno Pena, da Horta da Paula, participou dun showkcooking.
Semana Santa, San Lucas, As Quendas ou Mercado Medieval foron algunhas das citas promocionadas no posto mindoniense.