O Concello de Burela organiza, xunto á asociación Fanto Fantini, o sexto Festival Benéfico Deportivo Alas de Vida, que se celebrará os días 21 e 22 de setembro na localidade. Haberá actividades para os máis pequenos e tamén un trail e unha carreira para os adultos.
No acto de presentación, celebrado este venres, participaron Kiko Muñoz e Antonio Barcia xunto ao alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, e á concelleira de servizos sociais, Noelia María Ben.
Llano anima á xente “a participar un ano máis nesta iniciativa solidaria, xa que ademais de facer deporte colaboramos coa asociación Debra Piel de Mariposa”. A recadación do festival irá destinada integramente a esta asociación.
Muñoz, membro do colectivo, lembrou que a idea do festival “xurdiu a raíz do nacemento da miña filla Inés, que padece unha enfermidade chamada pel de bolboreta”. O evento, en favor dos afectados por esta doenza, “foise consolidando, tendo moita repercusión e converteuse nun clásico da fin do verán en Burela. Estamos moi contentos porque vimos recadando para a agrupación en torno a 11.000 e 12.000 euros e iso para un colectivo pequeno está moi ben”, precisou.
PASEO SOLIDARIO E FESTA INFANTIL
As actividades darán comezo o 21 de setembro ás 16.30 horas na Praza da Mariña, co paseo solidario ata A Marosa e unha festa infantil, con chocolatada. O prezo das inscricións é de tres euros.
PROBAS
O domingo 22, ás 10.30 horas, dará comezo a segunda xornada deste Festival Benéfico Deportivo. A carreira de adultos, por asfalto ata O Cantiño, terá unha lonxitude de sete quilómetros e o prezo da inscrición é de sete euros. A proba de trail, polo Monte Castelo, terá un percorrido de 14 quilómetros e o prezo da inscrición é de dez euros. Anotan neste enlace.