O Partido Popular (PP) presentará unha iniciativa no Parlamento de Galicia para instar ao Goberno do Estado a que garanta o mantemento da venta presencial de billetes nas estacións de tren onde se suprimiu este servizo, entre elas Burela e Viveiro.
Así o anunciou o deputado do PP, Daniel Vega, que reclama ao Executivo estatal que rectifique a decisión de deixar sen este servizo a varias estacións ferroviarias de Galicia, tres na provincia de Lugo: ademais das dúas na Mariña Lucense, tamén se suprimirá a venta presencial de billetes en Sarria.
Vega sinala que “non se pode tolerar outro recorte aos cidadáns por parte do Goberno do PSOE”. É máis, o popular considera que “este servizo de venda de billetes de forma directa por parte do persoal que traballa nas estacións é fundamental para a pervivencia do transporte de viaxeiros por tren nas comarcas da provincia de Lugo e, especialmente, na da Mariña”.
O popular insiste en que “con esta Proposición Non de Lei (PNL), dende o grupo parlamentario popular de Galicia pretendemos que o Goberno garanta o servizo de venda presencial de billetes en todas as estacións ferroviarias lucenses: tanto nas que foi suprimido a comezos deste ano coma no resto das estacións da provincia”. Vega entende que a decisión de prescindir deste servizo afecta, principalmente, “ao rural“, porque “incumpre o obxectivo de ofrecer servizos ferroviarios de calidade e proximidade”.
As estacións afectadas polo recorte serían as seguintes: Ortigueira, Burela, Sarria, Viveiro, O Carballiño, Ribadavia, Guillarei e Redondela.