O Concello de Burela celebrará o vindeiro sábado, 22 de setembro, o 50 aniversario do barco museo Reina del Carmen cunha charla, unha homenaxe aos tripulantes do boniteiro e aos guías da pinacoteca flotante e unha xornada de portas abertas.
ÚNICO EN ESPAÑA
O Reina del Carmen, único barco museo das súas características en España, saíu faenar por primeira vez hai cinco décadas. Así, o goberno local organizou unha conferencia que será na confraría de pescadores, desde as 12.00 horas. Na charla participarán Narciso González, ex tripulante da embarcación e un dos promotores da pinacoteca, o patrón maior burelés, Basilio Otero, e o concelleiro de turismo e o alcalde, Ramiro Fernández e Alfredo Llano.
RECOÑECEMENTO AOS GUÍAS
Os tripulantes do Reina del Carmen recibirán un agasallo e o goberno local agarda a presenza dun dos mariñeiros do primeiro grupo de persoas que se gañou a vida na embarcación. Tamén se lle fará entrega dun detalle aos guías do museo, en agradecemento á súa implicación na divulgación da cultura marítima do municipio.
ENTRADA DE BALDE
Finalmente, pola tarde haberá unha xornada de portas abertas con entrada gratuíta ao barco-museo para todo aquel que desexe coñecer “este referente turístico de Burela”, expón Fernández.