Burela homenaxeará aos tripulantes do Reina del Carmen no 50 aniversario do barco museo

Cinco décadas despois da primeira marea da embarcación, o Concello organiza o sábado unha charla e unha xornada de portas abertas

Barco museo Reina del Carmen. TURISMO GALICIA

O Concello de Burela celebrará o vindeiro sábado, 22 de setembro, o 50 aniversario do barco museo Reina del Carmen cunha charla, unha homenaxe aos tripulantes do boniteiro e aos guías da pinacoteca flotante e unha xornada de portas abertas.

ÚNICO EN ESPAÑA

O Reina del Carmen, único barco museo das súas características en España, saíu faenar por primeira vez hai cinco décadas. Así, o goberno local organizou unha conferencia que será na confraría de pescadores, desde as 12.00 horas. Na charla participarán Narciso González, ex tripulante da embarcación e un dos promotores da pinacoteca, o patrón maior burelés, Basilio Otero, e o concelleiro de turismo e o alcalde, Ramiro Fernández e Alfredo Llano.

RECOÑECEMENTO AOS GUÍAS

Os tripulantes do Reina del Carmen recibirán un agasallo e o goberno local agarda a presenza dun dos mariñeiros do primeiro grupo de persoas que se gañou a vida na embarcación. Tamén se lle fará entrega dun detalle aos guías do museo, en agradecemento á súa implicación na divulgación da cultura marítima do municipio.

ENTRADA DE BALDE

Finalmente, pola tarde haberá unha xornada de portas abertas con entrada gratuíta ao barco-museo para todo aquel que desexe coñecer “este referente turístico de Burela”, expón Fernández.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here