A Xunta de Galicia anunciou este xoves que intervirá “ao longo da vindeira semana” no Ceip Virxe do Carme de Burela, onde a comunidade educativa está a padecer numerosos problemas a causa do estado de deterioro do centro.
A Consellería de Educación afirmou que acometerá “unha obra de emerxencia” para corrixir as filtracións de auga que se están a producir en diferentes puntos do colexio.
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, comunicou a membros da dirección do centro e representantes da Anpa que o Goberno galego reservou “unha partida económica urxente de 23.000 euros” para os traballos.

As actuacións consistirán nunha reforma integral nas conducións de augas pluviais. Segundo a explicación do Goberno galego, anularase o canlón de zinc incrustado no interior do aleiro da cuberta, deteriorado nos seus enlaces e con carencia de morteiro.
Así, realizarase unha nova ponte de lousa entre ambos treitos do tella para canalizar a auga cara o exterior. Tamén se renovarán baixantes e ancoraxes.
A Xunta precisa que para facer algúns destes traballos será preciso a demolición parcial da cuberta, sobre todo para acceder as canalizacións interiores, procedéndose á súa reposición unha vez finalicen as obras.
Tamén se prodecerá ao cambio dos canlóns e baixantes dos patios interiores do edificio 3, como á reparación dos caleiros do ximnasio.
O Goberno galego reitera que está a estudar “unha reforma integral” para o centro, e atribúe ao Concello “unha mala conservación e mantemento das instalacións”.
CxG APELARÁ Á FISCALÍA
Compromiso por Galicia (CxG) Burela anunciou este xoves que “o vindeiro luns” presentará un escrito na fiscalía de Mondoñedo para que “depure responsabilidades” e “valore se houbo actos de neglixencia” e incumprimento do estipulado no Decreto 374/1996, do 22 de xullo.
Segundo establece a normativa, o goberno local debe asumir as competencias no mantemento do centro, mentres que a Xunta velará polas melloras que sexan necesarias.
O secretario xeral do partido, Juan Carlos Piñeiro, sinala que “o que queremos é ir ao fondo desta cuestión, porque os problemas do Virxe do Carme veñen de antes, da falta de xestión do alcalde, Alfredo Llano, e do anterior rexedor, Chema Barcia”.
CIG: “A XUNTA NON INVESTIU”
A CIG-Ensino expresou nun comunicado o seu apoio á Anpa e culpou á Xunta dos problemas do centro, polo seu “desleixo” e “falta de investimentos ao longo dos anos”.
O sindicato nacionalista insta ao Goberno galego “a garantir o dereito do profesorado e do alumnado de ter un centro seguro, digno e funcional”.
ESTE VENRES, CONCENTRACIÓN
A Anpa convocou para este venres, desde as 8.50 horas no patio do colexio, unha concentración para reivindicar o arranxo do centro.
Desde a asociación de nais e pais piden o apoio á sociedade mariñá para reclamar unha mellora do colexio que acabe coas súas carencias.