InicioEconomíaA frota da Mariña reclama "máis criterios socioeconómicos" nas propostas dos TAC

A frota da Mariña reclama “máis criterios socioeconómicos” nas propostas dos TAC

Os patróns maiores e vicepatróns elixen este venres ao presidente da federación de confrarías

Publicada o

- Advertisement -

A frota mariñá acolleu cun sabor “agridoce” a proposta da Comisión Europea (CE) dos Totais Admisibles de Captura (TAC) para 2019, que se negociará no mes de decembro.

O sector pesqueiro da bisbarra pide que se teñan en conta “máis criterios socioeconómicos” á hora de realizar as propostas sobre as cotas de pesca, pois entende que priman as cuestións biolóxicas.

PESCADA

A proposta dun 28% de aumento na cota da pescada do Gran Sol satisface en Porto de Celeiro, onde aproximadamente un 80% dos buques que faenan a esta especie nútrense neste caladoiro.

Sen embargo, o recorte do 14% previsto na pescada sur, a capturada en augas ibéricas, é “un pau para o arrastre, que leva anos facendo un esforzo para adaptarse ás circunstancias”, expón Suso Lourido, o xefe de frota de Porto de Celeiro.

o recorte do 14% previsto na pescada sur “é un pau para o arrastre”, sinalan

De aprobarse, sería o quinto recorte consecutivo nesta pesquería. O patrón maior de Burela, Basilio Otero, afirma que a previsión de Bruxelas parécelle “salvaxe” e asegura que “unha redución do 1% xa sería demasiada”.

Lourido sinala que “había motivos razonables para deixar a cota da pesquería tal como estaba, porque nese escenario garantiríamos un 44% máis de biomasa“.

PIDEN QUE SE ESCOITE Á FROTA

A cantidade da biomasa e a mortandade por pesca son os criterios principais esgrimidos polos científicos para realizar as súas peticións, que chocan coas aspiracións da frota.

O xerente da Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo, Sergio López, afirma que a proposta é “a esperada”, e resalta neste senso que “desde o sector levamos tempo pedindo que se teñan máis en conta criterios socioeconómicos” á hora de tomar as decisións sobre os TAC.

solicitan cotas plurianuais ou que non varíen “máis dun 15% cara arriba ou abaixo, para ter estabilidade”

López utiliza unha pesquería para explicar este argumento. “Este ano houbo un recorte importante no xurelo sur, dun 40%. A proposta para esta pesquería no 2019 é dunha suba do 69%. Algunhas empresas puideron pechar cun recorte tan importante e, por moito que aumenten o TAC agora, non poderán recuperar“, expón.

Por iso, o xerente da OPP de Lugo pide “que as cotas sexan plurianuais ou que non varíen máis dun quince por cento, cara arriba ou abaixo, dun ano para outro. Necesitamos esa estabilidade”, indica.

INFORMES CON RETRASO

López incide noutro aspecto que xera “un desfase” entre as expectativas da frota e as dos científicos.

O xerente da OPP Lugo afirma que “moitas veces os informes dos científicos chegan con retraso“, o que fai que non se correspondan as conclusións dos especialistas coas apreciacións de patróns e armadores.

Un exemplo é a cabala ou xarda, especie chave para a frota de artes menores xunto coa pescada e o xurelo.

CABALA E XURELO

Mentres que a previsión é que haxa un recorte importante na cabala, de entre o 40 e o 42%, “as tripulacións dinnos que hai abundancia do recurso“, indica Otero.

Sen embargo, o que falta é xurelo do Cantábrico, unha pesquería para que a CE pide un aumento do 18%. “As embarcacións vascas viñeron a Galicia a buscalo porque nas súas augas non había”, expón o patrón maior burelés.

preocupa a escasez de cota da cabala, porque “houbo buques que faenaron doce días e se se aproban recortes, farano cinco”

O que ocorra coa cabala, sobre a que aínda non hai unha proposta concreta de Bruxelas, marcará o que ocorra coa frota do litoral.

“Un recorte das cifras que se están falando sería brutal e non tería sentido. Hai embarcacións que faenaron doce días á cabala. Se o recorte anda polo 40%, faenarán sete, cinco días no 2019?”, pregunta Otero.

2019, UN ANO DE INCERTEZA

É unha das moitas incertezas que agardan ao sector nun ano complicado.

Por un lado, o 1 de xaneiro entrará en vigor a obriga de desembarque de todos os exemplares capturados polos buques comunitarios, o que significa que todas as capturas terán que levarse a porto e non poderán tirarse ao mar.

o brexit ou a obriga de desembarque suporán dous desafíos para o sector

Por outra banda, está o Brexit e as posibles restriccións de Reino Unido sobre a pesca nas súas augas, coma as de Gran Sol.

“Non sabemos se haberá unha prórroga por dous anos ou se haberá o que se chama un Brexit duro“, resume Lourido.

ELECCIÓNS DA FEDERACIÓN PROVINCIAL

Os patróns maiores e vicepatróns maiores da Mariña están chamados a votar este venres en Burela, desde as 19.30 horas, para elixir ao presidente da Federación Provincial das Confrarías de Pescadores de Lugo.

Tamén se elexirán os vicepresidentes primeiro e segundo e os representantes do comité executivo das federacións provinciais.

TEMPORAL

A flota mariñá agardará ás primeiras raiolas do venres para decidir se faena, despois de que a Xunta de Galicia desaconsellase a actividade pesqueira por mor da incidencia da borrasca ‘Beatriz’.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...